Pontevedra acollerá a estrea da obra teatral "O crédito", con Antonio Durán 'Morris' e Pedro Alonso
Por Redacción
Tras doce meses en cartel en Barcelona e Madrid, a comedia O crédito chega a Galicia. Faino con dous populares actores como protagonistas, Antonio Durán Morris e Pedro Alonso. E cunha estrea que terá lugar en Pontevedra. A obra, producida por Eme2 e Tanttaka, subirá o pano por vez primeira no Teatro Principal durante tres días consecutivos, os días 5, 6 e 7 de febreiro. Así se anunciou esta fin de semana no marco do Culturgal.
Unha oficina bancaria e dous homes: o director da entidade (Morris) e un cliente (Pedro Alonso, Padre Casares). O último pide un crédito, porque o necesita. E o primeiro non llo dá, porque non pode darllo. Ao cliente non parecen quedarlle moitas opcións, pero garda un as na manga e non dubida en empregalo. Así arrinca a comedia escrita polo catalán Jordi Galceran, autor de El método Grönholm e Paraules encadenades, e que dirixirá Fernando Bernués.
A obra é, en palabras do crítico Sergi Doria, "unha orixinal comedia sobre cómo conseguir un préstamo cando os bancos pechan a billa aos particulares".
De feito, O crédito presentouse no Culturgal cos seus dous actores asinando ducias de créditos, unha peculiar performance bancaria coa que arrincou a produción desta última montaxe teatral de Eme2 e Tanttaka.
Tras a súa estrea no Teatro Principal de Pontevedra, O crédito percorrerá os teatros das principais vilas e cidades con máis de 25 representacións xa confirmadas, entre elas Arteixo, Compostela, Vigo, Viveiro, Lugo, Narón, Tui, Carballo, Vilagarcía, As Pontes, Oleiros, Ourense, Cangas e, pechando a xira a finais de abril, A Coruña.