O concerto do 'Proxecto Orquestral' no Teatro Principal, inmortalizado en DVD
Por Redacción
O Conservatorio e a Escola de Música de Cangas presentou este xoves no Concello de Pontevedra a gravación do concerto do 'Proxecto Orquestral' do pasado 21 de xuño no Teatro Principal.
Trátase dun DVD promocional do proxecto, que estará dispoñible no Pazo da Cultura ou na propia escola e conservatorio de Cangas.
O 'Proxecto Orquestral' naceu no ano 2007 coa filosofía de poñer en valor os músicos novos cunha orquestra que ten compoñentes dende os 11 anos de idade.
En Pontevedra protagonizaron un concerto con obras orixinais do seu director, Alberto González Avilés, e arranxos doutras de coñecidos autores como John Williams ou John Barry.
O director da orquestra, acompañado da directora do conservatorio, María Jesús Torres, o coordinador do proxecto, Luis Carballo, e a concelleira pontevedresa Anxos Riveiro, presentaron a gravación, da que declararon sentirse "orgullosos" porque, asegura González Avilés, "era un reto grandísimo e había nerviosismo por cumprir as expectativas, pero creo que si as cumprimos".