O Yak 42 aterra no Teatro Principal para emocionar co recordo de "os 62" e as súas familias
Por Oskar Viéitez
A compañía Somnis Teatre, presenta YAK42 No te re-conozco, unha creación que xira en torno ao accidente que custou a vida a 62 militares españois. Será o próximo venres 10 de outubro ás 21:00 horas no Teatro Principal de Pontevedra. O prezo das entradas é de 10 euros, cinco para xubilados, parados e estudantes.
Tres anos tardou a nova compañía profesional ilicitana Somnis Teatre en levar a escena a súa creación sobre o accidente do YAK 42. Tres anos e a incorporación de Cristina Aniorte, a creadora do espectáculo xunto a Rubén Pleguezuelos, abondaron para superar todos os temores "para hablar de este tema tan delicado" e dar a luz o mellor espectáculo de Somnis Teatre dende a súa fundación.
Será o próximo venres 10 de outubro ás 21:00 horas no Teatro Principal de Pontevedra
O accidente do YAK 42 tivo lugar o 26 de maio de 2003. Nel, perderon a vida 62 militares españois que regresaban a España tras varios meses de misións en Afganistán. Entre eles catro galegos. Este accidente supuxo a maior traxedia do exército español en toda a súa historia en tempo de paz, e xerou un gran conflito político-social por todas as circunstancias que envolveron a traxedia; algunhas das cales 11 anos despois aínda non acharon resposta: subcontratas fantasma, piratas aéreos, avións en mal estado, corpos sen identificar, mentiras e coaccións...
Malia tratarse dun feito real, o espectáculo non é teatro documental, é dicir, non conta de xeito realista o que sucedeu, senón que propón unha interpretación propia, internándose nas sensacións, ideas, e emocións que envolven todas as frontes abertas deste caso. ÿ a historia de "os 62", e das súas familias.
Unha traxedia contemporánea con tinguiduras documentais, na que de tres actores dan vida a un total de nove personaxes. Familiares, responsables, vítimas e mesmo Turquía, comparten escenario en escenas moi intensas, con moita carga emocional, na que a poesía e a dureza comparten protagonismo.
Destaca da función o intento por parte dos creadores de non contar ningunha historia en particular, senón de xerar escenas e personaxes comúns a todos os falecidos. De feito, salvo dous comerciantes rusos, (que protagonizan unha escena de farsa falando das contratacións dos avións) ningún dos personaxes da función teñen nome. Son membros dunha familia, ou alegorías como no caso de Turquía...
Pero que quede claro que YAK42 No te re-conozco non é teatro político. Non ten ideoloxía, nin se leva a cabo dende o prisma dun ou outro partido. Non é así, porque o accidente do YAK42, tampouco ten ideoloxía. Para Somnis Teatre o posicionamento está claro: as vítimas. Esa é a motivación dos creadores e o que os levou a contar esta historia.