Solicitan que Federico Trillo sexa declarado 'persoa non grata' en Marín
Por Redacción
Hai catorce anos un accidente aéreo, o do coñecido como Yak-42, conmocionou a todo o país. 75 persoas perderon a vida, entre eles 62 militares. E un deses militares era de Marín, o brigada José María Pazos Vidal. Por iso, tras as últimas novidades acerca deste accidente, Marea esixe declarar persoa non grata a Federico Trillo.
Trillo era o ministro de Defensa naquel entón. Recentemente coñeceuse un informe do Consello de Estado que responsabiliza ao Ministerio de Defensa que el dirixía do accidente do Yak-42, o 26 de maio de 2003.
As familias das vítimas esixiron unha desculpa pública do ex titular de Defensa que, por agora, non se produciu. Iso si, a tormenta política que desatou este informe levoulle a non renovar o seu cargo como embaixador de España en Londres.
Marea Marín trasladará esta moción ao pleno, en nome de María Rosa San Martín, veciña do municipio.
Entenden que toda a xestión de Federico Trillo, incluídos os erros nas identificacións dos cadáveres que provocaron problemas na cerimonia funeraria do veciño de Marín, é unha "ultraxe" á súa persoa que estivo motivado pola "neglixencia " e a "falta de sensibilidade" de quen nese momento era a máxima autoridade do Ministerio de Defensa.
A moción tratarase no pleno que se celebrará mañá mércores 18 de xaneiro.