O Festival SonRías Baixas encherá Bueu esta fin de semana de música e de festivaleiros
Por Redacción
O Festival SonRías Baixas presentou este martes en Bueu a súa XIII edición, que esta fin de semana encherá de música e de festivaleiros a vila mariñeira. Foi no transcurso dun acto que se celebrou nun dos locais de ensaio da Casa da Música Manuel Omil, porque "montar un festival é como tocar nunha banda, cada músico ten o seu papel e entre todos fan que a música funcione", segundo explicou Diego Fernández, un dos organizadores.
Do completo cartel musical deste novo SonRías Baixas, a asociación Troula na Banda salientou o "éxito sen precedentes e dobre" que supón que tanto Ska-P como Goran Bregovic fagan un espectáculo de dúas horas de duración, "algo moi pouco habitual nos repertorios de festival e que sen dúbida o público agradecerá". Trátase, sinalan, de dous artistas que fan poucos concertos en España "e conseguimos que ofrezan todo o repertorio que o público demande".
O programa será o seguinte:
Xoves 18: Troula Benvida, no Bar Aturuxo.
- 23.00 horas. Calavera collective
Venres 19 - Festival SonRías Baixas 2013, no escenario Troula na Banda
- 21.30 horas. Aphonnic
- 23.15 horas. Skap-P
- 01.30 horas. Txarango
- 03.15 horas. Alamedadosoulna
Sábado 20 - Festival SonRías Baixas 2013, no escenario Troula na Banda
- 21.30 horas. The Soul Jackets
- 23.15 horas. Goran Bregovic & Wedding And Funeral Orchestra
- 01.30 horas. La Raíz
- 03.15 horas. Reincidentes
No marco do festival volverase abrir a Casa SonRías, un restaurante singular no que os músicos cociñan ao vivo para o público, que pode degustar despois o resultado en formato tapa por un prezo axustado. Será o sábado, a partir das 13.00 horas.
A Casa SonRías 2014 contará con tres RockChef de excepción: Txikitin de Ska-P -que actuará a noite anterior no Festival e contará coa axuda de Pinky Rat-Zinger- cociñará piperrada de txistorra; Tonhito de Poi axudado por Enrique Otero, que na pasada edición obtivo un rotundo éxito co seu arroz con ameixas e berberechos- cociñará unha tradicional caldeirada de peixe; e Juankar de Boikot -que non só repite experiencia, senón que se convirte en coordinador desta particular casa de comidas- atreverase cunha orixinal ensaladilla de polbo.
Desde a organización do festival tamén se amosaron moi agradecido coa resposta do público. "Nós fixemos, como todos os anos, o esforzo de manter o prezo máis axustado posible para un cartel con estrelas deste nivel", aseguran. "As entradas vanse vendendo a bo ritmo e confiamos en repetir éxitos das edicións pasadas".
A entrada é única para todas as actividades (excepto para o Casa SonRías, que é de acceso libre) e custa 24,50 euros máis gastos anticipada, ata o xoves, e 29 euros na billeteira.
A particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado é unha das principais marcas de identidade do SonRías Baixas, que xa é toda unha referencia do verán en Galicia e no resto do Estado. Co slogan "de Festivaleiros para Festivaleiros" por bandeira, a organización artella cada ano unha completa programación musical que combina nomes consagrados e novas propostas e ofrécellela aos seus seguidores a uns prezos moi asequibles.
A pasada edición do Festival conquistou o en agosto de 2013 a 12.000 personas con tres días de música, praia e gastronomía, o que supuxo para Bueu unha inxección económica de 830.000 euros, chegándose ao pleno de ocupación hostaleira en toda a comarca. A maioría dos provedores do Festival son da comarca e máis de 300 persoas traballan cada día no evento, a maior parte, xente da vila.
Relacionadas:
-
Non haberá SonRías Baixas: a chuvia obriga a suspender o festival por motivos de seguridade
Por Redacción |
-
O Festival SonRías Baixas ofrecerá "a festa xitana máis explosiva, asombrosa e emocionante do continente"
Por Redacción |
-
SKA-P, La Raíz e Aphonic, primeiras confirmacións de un SonRías Baixas, que se traslada a setembro
Por Redacción |