Nace Incode Fest, a unión das escolas de música de Pontevedra que encherá de ritmo a cidade
Por Redacción
Diversas escolas de música de Pontevedra farán realidade unha nova cita 'festivaleira' na cidade, o Incode Fest, que durante catro días, entre o 29 de maio e o 1 de xuño, terá a Alameda como principal escenario.
O edil de Cultura, Demetrio Gómez, e o director do proxecto e membro fundador da Escola Bonobo, Gonzalo Maceira, presentaron a cita este xoves como "unha nova demostración de que en Pontevedra temos unha potencia musical emerxente inmensa".
A actividade principal do festival serán unha serie de actuacións ao vivo, con convites mesmo de artistas chegados de fóra do país, pero a programación será máis completa, con formación e presentación de novos proxectos .
Na Alameda haberá concertos con música de moi distintos estilos, de todas as facturas, "toda música feita con agarimo e con amor pola arte", en palabras de Demetrio Gómez.
Gonzalo Maceira, destacou a ilusión de todos os implicados á hora de dar forma a este festival porque, para eles, facer un evento destas características é "algo realmente novidoso".
"Cremos que por aquí non hai nada semellante", sinalou, ao tempo que se amosou orgulloso de que Pontevedra conta cunha capacidade de produción "moi abraiante", da man dunha oferta ampla e diversa de escolas de música.
As xornadas comezarán cunha visión educativa e formativa, a través de distintos obradoiros que se realizarán ao longo de todo o día 29.
O 30 de maio serán estreadas as Bonobo Live Sessions, que este ano homenaxearán un disco de Fletwood Mac.
O 31 de maio, e o 1 de xuño, a música en directo collerá todo o protagonismo, ofrecendo actuacións realmente únicas e curiosas, como a da Orquestra Sinfónica Xove e a Aula Tradicional da UVigo.
Todas as actividades que se inclúen no programa serán de balde e a programación inclúe postos de comida, mercado e máis sorpresas.