Presentan as últimas obras de José Benito García e de José María Arceu no Liceo Casino
Por Redacción & Anxo Lourido
Este xoves 14 de marzo ás 19.30 horas, o Salón Nobre do Liceo Casino acollerá a presentación dos últimos traballos de dous escritores pontevedreses, José Benito García e José María Arceu. O acto estará presentado por outro colaborador de PontevedraViva, Alexander Vórtice, que manterá cos autores unha charla coloquio.
A entrada a este evento será libre ata completar a capacidade da sala.
José Benito García presentará 'Abandonad toda esperanza', publicado en 2023. Trátase dun relato de misterio con tinguiduras góticas ambientado na Pontevedra de 1830. Neste traballo combínanse acontecementos históricos como a Batalla de Rande coas travesías do pirata Benito Soto e un misterio na basílica de Santa María.
O editor, escritor e investigador ofrece neste traballo unha proposta sobre a historia local pontevedresa. García imparte clases na UNED de 'Historia de Pontevedra' e de 'Historia do Cinema' e é autor de 'Pontevedra. Cuaderno de viaje' (2020); 'Negra y Misteriosa. La Pontevedra oculta' (2018);.'Donde la salmuera. La Moureira y sus gentes' (2017); 'Habladme piedras. Pontevedra, historia y leyendas' (2013), ademais de 'Templarios y mareantes en la gesta de Colón' (2008), que en 2019 alcanzaba a cuarta edición.
José María Arceu é poeta e escritor, colaborador de PontevedraViva, ademais de autor de 'Vórtice' (2019) e dos poemas 'Cuentos, quizais' e 'Relatos inertes', que se inclúen na obra «Negra y misteriosa. La Pontevedra oculta», de José Benito García.
O seu libro 'La gotera en el grifo de mi destino', publicado en 2023, realiza un percorrido lírico sobre a existencia unindo os recordos coa incerteza do futuro.