A 'Gala das Letras', os premios dos escritores galegos, celebrarase en Pontevedra
Por Redacción
Pontevedra acollerá por primeira vez a 'Gala das Letras', os premios que anualmente outorga a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). Así se anunciou na asemblea xeral que este colectivo celebrou no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela. En concreto, a gala terá lugar no Pazo da Cultura a primeira fin de semana de maio, o sábado 3 de maio. Será o comezo da conmemoración do 'Mes da Lingua' en Pontevedra.
A noticia foi desvelada polo presidente da AELG, Cesáreo Sánchez. Estes galardóns, que se outorgan desde hai quince anos, premiarán os mellores traballos editados en 2013 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infantil e xuvenil e traxectoria xornalística.
Ademais, entregaranse tamén as distincións denominadas 'Os Bos e Xenerosos', que este ano recoñecerán o labor de diversas entidades relacionadas co teatro. Así, en representación ás compañías teatrais o premio será para Sarabela Teatro e en teatro amador para a compañía Achádego de Lugo.
Premiarase tamén pola súa "traxectoria actual e histórica" á Casa Hamlet da Coruña, o labor da editorial Edicións Laiovento e á agrupación cultural O Facho polo seu traballo a favor do teatro infantil. Como 'Mestres da memoria' recoñecerase o traballo de Xavier Branco e Eduard Requejo pola súa "traxectoria como narradores orais".
Cesáreo Sánchez tamén indicou que o premio ás institucións culturais recaerá sobre a área de cultura da Deputación de Lugo polo seu programa 'Buxiganga', así como no área de cultura da Deputación da Coruña pola súa convocatoria do Premio Teatral Rafael Dieste. Nesta categoría, tamén recoñecerá o traballo dos concellos de Narón (A Coruña) e Tui (Pontevedra) no desenvolvemento da súa programación anual de teatro.
En Pontevedra estará, para rematar, o autor vasco Bernardo Atxaga, ao que a AELG premiará como Escritor Galego Universal deste ano. Recoñecido polo seu traballo tanto en prosa como en poesía e ensaio, a asociación destaca del "o seu compromiso ético coas causas da dignidade e en concreto do pobo vasco, e por ser creador dunha extensa e intensa obra, valorada tanto en Euskal Herría como nos máis diversos idiomas"