"Zasca" ao goberno municipal polo uso do galego

Pontevedra
29 de setembro 2016

A pesar de estar toda a corporación de acordo, o goberno municipal tivo que encaixar as críticas formuladas desde os grupos da oposición que, como resumiu o portavoz de Marea, Luís Rei, sinalaron "quen estea libre de pecado que tire a primeira pedra"

María Rey, concelleira de Cidadáns Mónica Patxot

O Pleno do Concello de Pontevedra aprobou este xoves por unanimidade unha moción do BNG na que se pide o cumprimento da ordenanza que establece que os concelleiros deben falar en galego nos plenos.

A pesar de estar toda a corporación de acordo, o goberno municipal tivo que encaixar as críticas formuladas desde os grupos da oposición que, como resumiu o portavoz de Marea, Luís Rei, sinalaron "quen estea libre de pecado que tire a primeira pedra".

O primeiro reproche foi exposto pola representante de Cidadáns, María Rey quen lembrou ao grupo de goberno que na súa defensa do galego é "un insulto á intelixencia dos veciños" que desde o Concello se bauticen algunhas iniciativas municipais como "Capital Shopping, Visit Pontevedra, Pont Up Store, Plan On o Film Comission". Primeiro "zasca".

Pola súa banda, Marea Pontevedra acudiu aos datos do Instituto Galego de Estatística que reflicten que na Boa Vila só 6.141 persoas falaban galego no ano 2013, o que representa o 8,26% da poboación, mentres que o 43,55% dos pontevedreses empregan o español en exclusiva. Ademais durante os anos que leva gobernando o BNG no Concello a lingua galega ten sufrido un importante retroceso na cidade. 

"É a cidade de Galicia na que menos nenos falan a língua, só o 3,5%", dixo Luís Rei. Segundo "zasca".

E o terceiro, o concelleiro de Marea sinaloulle como algúns documentos do goberno local están redactados en español.

O portavoz do Partido Popular, Jacobo Moreira, considero que "hai problemas máis importantes que este" e asegurou que os populares "non imos obrigar a ninguén" e que o galego "o fale quen queira e quen non queira que non o fale".

Finalmente o concelleiro socialista, Iván Puentes, afirmou que "ante o retroceso non uso do galego" chamou á corporación para promover o idioma de Galicia "no ámbito público".

O portavoz do goberno local neste asunto, Alberte Oubiña, instou especialmente "ao cumprimento da normativa vixente en materia de toponimia, tanto a nivel municipal coma galego".