Xuntanza para crear unha gran área comercial e empresarial na Montesiña

Soutomaior
30 de setembro 2024

O goberno local, encabezado polo alcalde Manu Lourenzo, reunirase coas persoas propietarias das parcelas este xoves 3 de outubro nunha xuntanza na que estará presente o arquitecto Xabier Rivas Barreiro, responsable da redacción do proxecto

Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior dará un paso importante no desenvolvemento do seu ambicioso ecoparque empresarial este xoves, 3 de outubro.

O goberno local, encabezado polo alcalde Manu Lourenzo, reunirase coas persoas propietarias das parcelas da zona da Montesiña, onde está prevista a construción deste proxecto.

A xuntanza, que terá lugar ás 19.00 horas na Casa do Concello, contará coa presenza do prestixioso arquitecto e urbanista Xabier Rivas Barreiro, responsable da redacción do proxecto.

Os propietarios das parcelas están sendo contactados telefonicamente para asegurar a súa asistencia.

O ecoparque empresarial está deseñado como un foco de atracción para PEMES do sector secundario e comercial, coa intención de impulsar o desenvolvemento económico da zona.

O proxecto inclúe unha ampla área verde e espazos de lecer, buscando integrar o parque na paisaxe e minimizar o impacto visual.

O alcalde Manu Lourenzo indica que "estamos a proxectar unha ampla área comercial e empresarial que suporá un antes e un despois para a vida en Soutomaior",

Destaca que o ecoparque estará rodeado de zonas verdes e instalacións deportivas, e que se deseñou para non distorsionar a liña do horizonte.

O goberno local subliña que o ecoparque non só atenderá a demanda de superficie para o crecemento empresarial local, senón que tamén contribuirá a vertebrar o concello cunha zona urbanizada, ben iluminada e cunha superficie comercial dinámica.

Este proxecto preséntase como un paso significativo na modernización e mellora do modelo económico de Soutomaior, segundo o goberno municipal.