A Xunta mellorará quince paradas de autobús en Poio

Poio
03 de decembro 2024

O proxecto inclúe a mellora dos apartadoiros para os autobuses e as súas cuñas de entrada e saída, así como o acondicionamento dos itinerarios peonís na contorna das paradas

Instalación dunha marquesiña Xunta de Galicia

A Xunta ten previsto mellorar a conectividade e accesibilidade de quince paradas de autobús no concello de Poio, situadas nas estradas autonómicas PO-308 e PO-310.

O plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente, foi aprobado provisionalmente esta semana no Consello da Xunta.

O proxecto inclúe a mellora dos apartadoiros para os autobuses e as súas cuñas de entrada e saída, así como o acondicionamento dos itinerarios peonís na contorna das paradas.

Os traballos comprenden a colocación de refuxios de tipo rural e urbano, en función do lugar onde se encontre a parada, mellorando o equipamento, con postes, bancos ou elementos de apoio isquiático.

Os refuxios que se instalarán foron deseñados pola Dirección Xeral de Mobilidade, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.

As obras incluirán medidas de seguridade, tamén con perspectiva de xénero, e eliminación de vexetación na zona de instalación dos refuxios, deseñados con paneis transparentes para que sexa visible a zona interior, ademais de mellorar a iluminación ou a ampliación do espazo ao redor das propias paradas.

Tamén se levarán a cabo traballos de reforzo do firme naqueles puntos en que se instalen as citadas marquesiñas.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, valorou positivamente este investimento "porque vai repercutir directamente en mellorar a seguridade e a calidade de vida da cidadanía", ao mesmo tempo que se sigue fomentando o uso do transporte público.