Xunta e sindicatos alcanzan un preacordo para poñer fin á folga da xustiza

Pontevedra
26 de abril 2018

A Xunta de Galicia chegou a un preacordo coa maioría dos sindicatos para poñer fin a este conflito laboral. O pacto deberá ser ratificado agora polas asembleas de traballadores convocadas para este venres nas sete grandes cidades galegas

Protesta dos traballadores da administración de Xustiza

Tras máis de dous meses de mobilizacións, a folga na xustiza galega podería estar vivindo as súas últimas horas. A Xunta de Galicia chegou a un preacordo coa maioría dos sindicatos para poñer fin a este conflito laboral. O pacto deberá ser ratificado agora polas asembleas de traballadores convocadas para este venres nas sete grandes cidades galegas.

O acordo, asinado entre o goberno galego e representantes de UGT, CCOO, USO e CSIF -7 dos 11 membros da mesa de negociación-, establece que os funcionarios da xustiza en Galicia verán incrementado o complemento autonómico en 135 euros ao mes no caso dos xestores, 127 nos tramitadores e 122 nos auxiliares.

A suba producirase en tres anos, a razón do 50% este mesmo exercicio, o 30% en 2019 e o 20% restante en 2020.

A maiores, inclúese unha cláusula de revisión que garante que os traballadores manterán unha posición por riba da media dos territorios con competencia en materia de xustiza.

Tamén se prevé a posta en marcha dun plan de actuación, que deberá ser consensuado co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a Fiscalía, para recuperar o traballo atrasado durante a folga e poñer ao día na medida do posible aos xulgados galegos. Ao dito plan, que terá carácter voluntario, poderán acceder a xeneralidade dos funcionarios.

O acordo inclúe así mesmo outros puntos con melloras para os funcionarios como a consolidación das prazas de reforzo de máis de tres anos de duración, a creación de novas prazas, melloras nos xulgados de violencia de xénero e a ampliación do permiso por maternidade e paternidade e dos supostos de baixas nas que perciben o 100% das retribucións. 

A administración tamén se comprometeu a deixar sen efecto os expedientes disciplinarios incoados por mor da folga e a que os descontos pendentes no salario, por secundar os paros, sexan repartidos de xeito proporcional nos meses restantes do ano, incluída a paga extra.