Xunta e Deputación cítanse na véspera do Día dos Namorados

Pontevedra
02 de febreiro 2017

O luns día 13 de febreiro ás doce e media da mañá na sede provincial. É a cita marcada nas axendas da Xunta e a Deputación para falar do futuro do Pazo de Lourizán

Pazo provincial, sede da Deputación de Pontevedra Juan Mejuto

O luns día 13 de febreiro ás doce e media da mañá na institución provincial. É a cita marcada nas axendas da Xunta e a Deputación para falar do futuro do Pazo de Lourizán.

Acudirán por parte do goberno galego o vicepresidente, Alfonso Rueda e a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato. Os anfitrións serán a presidenta da Deputación, Carmela Silva e o vicepresidente desta institución, Cesar Mosquera.

Nunha carta remitida este xoves a administración provincial acepta a primeira das datas propostas pola Xunta.

"Espero que esta reunión sirva para recuperar unha relación de lealdade institucional", valorou Carmela Silva que espera que no encontro se poida "falar de moitas cuestións que teñen que ver coa provincia de Pontevedra" no ánimo de "establecer unha relación fluída".

Ante a gran cantidade de temas que teñen que abordar ambas as administracións, Carmela Silva considera "fundamental" que "tentemos esa relación baseada na lealdade, no diálogo e na procura de acordos".

"Esperemos que a Xunta veña co mesmo ánimo" dixo a presidenta da Deputación expresando o seu desexo de que "isto sexa o inicio dunha relación de diálogo habitual entre as dúas administracións que é o que reclama a cidadanía".