A Xunta detecta vehículos non autorizados por parte da concesionaria que conecta a cidade con Cerponzóns

Pontevedra
19 de decembro 2024

Segundo afirmou a directora xeral de Mobilidade nunha resposta parlamentaria, incoáronse os expedientes sancionadores e as penalidades contractuais que corresponden

Parada de autobuses na Praza de Galicia Mónica Patxot

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, compareceu este xoves no Parlamento para informar das medidas adoptadas para garantir o cumprimento do contrato no transporte interurbano de Pontevedra tras detectar o uso de vehículos non autorizados por parte da concesionaria que cubre a Liña 4, que conecta a cidade coa parroquia de Cerponzóns.

A deputada do grupo socialista Paloma Castro presentou unha pregunta oral polas denuncias dos usuarios desta liña que é cuberta por un vehículo particular sen rotular de 7 prazas que non é accesible.

Castro advertiu que esta actuación está a provocar situacións "surrealistas", con veciñas que non se atreven a acceder ao vehículo diante da desconfianza que provoca que non estea rotulado, ou unha muller con mobilidade reducida que tivo que ser "elevada a pulso", e despois ocupaba varias prazas co seu dispositivo de apoio porque o vehículo non era accesible.

Na súa intervención, Judit Fontela incidiu no compromiso da Xunta para ofrecer o mellor servizo á cidadanía e esixir o cumprimento rigoroso de todas as condicións que garanten esa calidade.

Así, afirmou que se incoaron os expedientes sancionadores e de penalidades contractuais que correspondan polo uso de vehículos non autorizados.

Segundo sinalou, ante as incidencias que se detectan no transporte público, "o goberno galego actúa para corrixir os desaxustes se é necesario ou para asegurar a correcta prestación do servizo". "A Xunta cumpre e fai cumprir", engadiu.

Sen embargo, Paloma Castro sinalou que os usuarios levan máis dun mes presentando reclamacións por este servizo.

Na súa resposta, Judit Fontela destacou o esforzo do goberno galego a través do Plan de transporte público de Galicia para ofrecer "un servizo eficaz e de calidade ás persoas usuarias, vivan onde vivan".

Segundo apuntou, no caso de Cerponzóns este esforzo tradúcese en 52 servizos de autobús ao día que lle permiten á veciñanza desprazarse á cidade ao longo de toda a xornada entre as 6,15 e as 21,15 horas. A cifra de persoas usuarias ao mes sitúase arredor do milleiro.