Xosé Manuel Buxán, único candidato a decano de Belas Artes

Pontevedra
08 de marzo 2023

Se nada se torce, Xosé Manuel Buxán seguirá tres anos máis como decano da Facultade de Belas Artes. El encabeza a única candidatura ao proceso electoral aberto. Estará á fronte dun equipo renovado e coa modificación do plan de estudos do grao como principal reto

Xosé Manuel Buxán, decano de Belas Artes Universidade de Vigo

Se nada se torce, Xosé Manuel Buxán seguirá tres anos máis como decano da Facultade de Belas Artes. El encabeza a única candidatura ao proceso electoral aberto. Estará á fronte dun equipo renovado e coa modificación do plan de estudos do grao como principal reto.

Acompañarán a Buxán, que foi elixido decano por vez primeira en setembro de 2019, os docentes María José Fariña, José Castro, Ignacio Pérez-Jofre e Araceli Liste, se así o referenda a xunta de facultade nunha votación prevista para o 16 de marzo.

O candidato á reelección salienta que "consensuar" o cambio do plan de estudos do grao é a principal tarefa para o seu segundo mandato, despois de que ao longo destes tres anos unha comisión "traballase moito e con profundidade" na súa renovación.

Esta modificación leva á súa vez aparellada a necesidade de reordenar os espazos da facultade ou de seguir reforzando o papel da facultade "no contexto artístico e cultural galego".

Do seu primeiro período á fronte do centro, Buxán destaca como un dos aspectos máis positivos "ter conectado coas demandas socioculturais" ou o labor realizado para promover no centro un "espírito de colaboración e convivencia académica".

No lado "negativo", recoñece, está a "indefinición" que se mantén sobre o grao de Deseño, "que é algo que pode xerar certa inquedanza no devir futuro da facultade".