Xosé Fortes Bouzán será nomeado Fillo Predilecto de Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade
02 de decembro 2024
Actualizado: 18:16

O acto de homenaxe ao militar e historiador, fundador da Unión Militar Democrática (UMD), farase efectivo nunha sesión plenaria especial da corporación municipal

O historiador Xosé Fortes Mónica Patxot - Arquivo

O Concello de Cerdedo-Cotobade nomeará Fillo Predilecto ao profesor e historiador Xosé Fortes Bouzán, nado hai 90 anos na parroquia de Caroi.

A decisión foi aprobada de maneira unánime pola Xunta de Voceiros Municipal, a proposta do alcalde Jorge Cubela.

O recoñecemento ao militar e historiador, fundador da Unión Militar Democrática (UMD), farase efectivo nunha sesión plenaria especial da corporación municipal, onde se exporán os méritos que o fan merecedor desta distinción.

Jorge Cubela destacou o compromiso de Fortes coa liberdade e a democracia, a súa destacada traxectoria como historiador e docente.

Fortes mantén unha estreita vinculación coa terra natal, plasmada en obras como 'Caroianos', 'Terras de Cotobade' e 'Cotobade unha terra rural'.

O homenaxeado, pai da escritora Susana Fortes e do xornalista Xabier Fortes, foi encarcerado e expulsado do Exército durante a ditadura pola súa pertenza á UMD, reingresando en 1987 como coronel.

Na súa dilatada carreira profesional exerceu como profesor de historia en Pontevedra, dirixiu a primeira revista infantil en galego "Vagalume" e foi tenente de alcalde de Urbanismo no primeiro concello democrático pontevedrés.

O autor tamén presentou recentemente o seu novo libro 'En la piel de los Héroes'.

Xosé Fortes con Jorge Cubela Concello de Cerdedo-Cotobade