Xosé Baamonde elixido decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

Pontevedra
17 de decembro 2015

Tras a Xunta de Facultade celebrada este xoves 17, a candidatura de Baamonde obtivo un 84% de apoios. Substitúe no cargo a Emma Torres

Novo equipo decanal da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Universidade de Vigo

Xosé Baamonde encabezará a partir de agora o equipo decanal da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, situada no Campus de Pontevedra. Na Xunta de Facultade celebrada este xoves 17 a súa candidatura obtivo 32 votos a favor, cinco en contra e unha abstención; isto é un 84% de apoios.

O programa co que o novo decano presentouse a este cargo avoga por "a necesidade de que todos os colectivos comprendan que a calidade dá prestixio e reputación". Este será un dos eixos dos seus tres anos de mandato. De igual forma contempla aumentar a visibilidade da Facultade e os seus tres graos (Publicidade e Relacións Públicas, Comunicación Audiovisual e Dirección e Xestión Pública); seguir afianzando os convenios con outras entidades académicas, tanto nacionais como internacionais; incentivar as actividades extra académicas  e "estudar as posibilidades de poñer en marcha unha dobre titulación".

Baamonde aludiu na exposición das súas propostas á consecución dunha maior dotación de persoal, e ir tomando decisións sobre as necesidades de equipamentos e obras, de acordo a proxectos e informes xa existentes na Facultade.

Xunto ao decano, neste equipo intégranse do anterior mandato dous vicedecanos: Alberto Dafonte e José Pita que seguirán coas competencias de Calidade, Erasmus e Alumnado; e Silvia García Mirón como secretaria académica. Entran Rosa Ricoy como coordinadora do grao en Dirección e Xestión Pública e vicedecana de Asuntos Económicos; e Xabier Martínez Rolán como responsable de Promoción e Comunicación.