As 'Xornadas Gastronómicas en Feminino' homenaxean a Amelia González, de Casa Solla

Bueu
27 de febreiro 2025

Un total de doce locais de hostalaría de Bueu participan nesta campaña que se desenvolverá do 8 ao 15 de marzo

Presentación das III Xornadas gastronómicas en feminino
Presentación das III Xornadas gastronómicas en feminino Concello de Bueu

O Concello de Bueu e a Asociación de Empresas Hostaleiras da vila organizan do 8 ao 15 de marzo as 'III Xornadas gastronómicas en feminino', que este ano homenaxean a Amelia González, de Casa Solla.

Coa vista posta no 8 de marzo, Día Internacional da Muller, un total de doce locais da vila crearán as súas propias tapas inspiradas na cociña de Amelia González.

Este mércores presentáronse as xornadas en rolda de prensa, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, destacou que "é un pracer colaborar coa hostalaría nesta iniciativa que naceu hai tres anos e coa que queremos, ao noso xeito, visibilizar a muller na alta cociña na que sempre quedou agochada".

Pola súa banda, Antonio Rosales, en representación da Asociación, fixo fincapé en que "moita xente da hostalaría de Bueu pasou pola cociña da Señora Amelia, e por iso é unha muller moi querida, que estaba detrás da cociña de Casa Solla aínda que sempre permanecese agochada".

Os locais hostaleiros que participarán este ano son Noite Tapas, cunha empanada aberta de croques, A Centoleira, cun ravioli de centola da ría e caldo de galiña, O Farol, cun pan chino recheo de mexillón da rúa e chourizo de xabaril, La Zarzamora, cun souffle da Sra Amelia, Pyramis, cun wok de alubias salteadas con salchichas criollas e chipiróns, Casa Quintela, con croquetas do Entroido con paté de chourizo galego, Volver, cun biquini de cocido, Ratiño Pequeno, cun pequeno cóctel de benvida, Tiembla Maruxa, cunha bomba de mexillón e algas da ría, A Cepa, con garavanzos con curry e mexillón da ría, Baiuca, con rustrido de raxo de porco galego en salsa de améndoa, e Morriña, cun timbal de pasta.

Estes establecementos ofrecerán, tanto ao mediodía como á noite, tapas a un precio de 3.50 euros, nas que expresarán o seu coñecemento da cociña da homenaxeada.

A iniciativa busca visibilizar o papel das mulleres cociñeiras, que constitúen máis do 80% das cociñas de restauración, ademais de seguir dinamizando a gastronomía da vila, que é unha das máis potentes da comarca.

HOMENAXE INSTITUCIONAL

O Concello de Bueu organizará, no marco destas xornadas, unha homenaxe oficial a Amelia González, que se celebrará o 15 de marzo ás 12.30 horas no salón de plenos da Casa Concello. Ademais, tamén está prevista unha charla- coloquio na que a homenaxeada falará da súa traxectoria ou anécdotas.

Amelia González fundou xunto a José Solla a Casa Solla no 1961. A finais dos anos 80 incorporouse Pepe Solla, un dos seus fillos, que é o que dende o ano 2003 segue o camiño en solitario.

Precisamente foi Amelia González a que conseguiu co seu home a Estrella Michelín que hoxe o restaurante conserva.