Xornada internacional en Rubiáns co reto de que Galicia vexa florecer as camelias no verán

Pontevedra
22 de febreiro 2017

Os días 2 e 3 de marzo vai desenvolverse no Pazo de Rubiáns en Vilagarcía unha xornada sobre 'Camelia e Paisaxismo' coa presenza de expertos mundiais en camelias. A inscripción para participar aínda está aberta

Presentación da Xornada Internacional Camelia e Paisaxismo PontevedraViva

O Pazo de Rubiáns, un dos dous Xardíns de Excelencia Internacional da Camelia, acollerá o 2 e 3 de marzo a xornada internacional 2017 sobre 'Camelia e Paisaxismo'. Alí daranse cita expertos mundiais como Jaques Soignon, director do Service Espaces Verts et Environnement (SEVE) de Nantes; o doutor Gao Yiyin, un estudioso botánico chinés que conta no seu xardín con todas as variedades de camelia que existen en China e ademais, el logrou exemplares que florecen durante o verán.

Precisamente a súa presenza nesta xornada servirá para que se estuden as posibilidades de que as especies que se desenvolven en Galicia poidan chegar a florecer nos meses de estío. Este experto explicará como é a incorporación ao mundo da camelia de 250 híbridos de nova xeración de variedades que mostran flor durante todo o ano.

Este mércores 22 presentábase esta cita na Deputación provincial coa presenza da secretaria xeral de Turismo, Nava Castro; a deputada provincial Eva Villaverde e a directora da Escola Galega da Paisaxe Juana de Veiga, Isabel Aguirre. 

Aguirre sinala que en Galicia están catalogadas ao redor de 200 variedades de camelia e nesta xornada quérese facilitar o seu coñecemento e axudar á súa posta en valor. Nesta cita estarán presentes investigadores do Centro de O Areeiro.

A directora da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega insistiu en que Galicia ten que aproveitar as posibilidades comerciais que presentan os produtos elaborados con esta flor como aceites, xabóns e cremas.

40 persoas xa se inscribiron para participar nesta xornada. O prazo para matricularse péchase o mesmo día de celebración e o prezo é de 50 euros mentres que para estudantes e exestudiantes da Escola Galega da Paisaxe, a matrícula sitúase en 30 euros.

Pontevedra conta con dous Xardíns de Excelencia Internacional da Camelia, o de Rubiáns, o de Soutomaior e aspira a que no vindeiro congreso de Nantes poida obter outros dous nomeamentos, o de Saleta e o de Quinteiro da Cruz, en Meis e Ribadumia.