Xornada grande en Ribadumia coa LI Festa do Viño Tinto do Salnés

O Salnés
01 de xuño 2024

Un total de 14 adegas participan este ano na Festa do Viño Tinto do Salnés, que este sábado 1 de xuño contaba cunha ampla programación de actividades e unha das citas máis esperadas, o Xantar de Confraternidade no pavillón de Barrantes

LI Festa do Viño Tinto do Salnés Deputación de Pontevedra

Un total de 14 adegas participan na LI Festa do Viño Tinto do Salnés, que este sábado 1 de xuño afrontaba o seu día grande.

Á carpa de degustación uníaselle unha ampla programación de actividades entre as que destacaba o popular Xantar de Confraternidade no pavillón de Barrantes.

Un menú a base de empanada, polbo e carne ao caldeiro, con rosca e amorodos con viño tinto de sobremesa fixo as delicias dos comensais. Todo iso no medio dun gran ambiente festivo e do bo humor, como o que destilou o pregón de Virtudes de Galiñanes "a repunante", o personaxe creado por María Foscaldo.

Tampouco faltaron autoridades como o presidente da Deputación, Luis López, acompañando o alcalde de Ribadumia, David Castro.

E como guinda á celebración, música, co concerto programado de Hey Hematoma, agrupación formada por integrantes de Sinistro Total, Sufre Mamón, banda que rende homenaxe a Homes G e as orquestras Saudade e América de Vigo.

Este domingo o colofón musical á LI Festa do Viño Tinto do Salnés poñerano as actuacións de Añoranza, M80 e a Orquestra Panorama.