Xogos de auga e moita diversión para despedir os campamentos de verán en Marín

Marín
31 de agosto 2023

Cunha xornada de diversión nos xogos acuáticos do Paseo Alcalde Blanco despedíronse este xoves os campamentos de verán impulsados polo Concello de Marín para axudar a nais e pais a conciliar a vida familiar e laboral. Este ano ofertáronse un total de 300 prazas

Última xornada dos campamentos de verán en Marín Concello de Marín

Cunha xornada de diversión nos xogos acuáticos do Paseo Alcalde Blanco despedíronse este xoves os campamentos de verán impulsados polo Concello de Marín para axudar a nais e pais a conciliar a vida familiar e laboral.

Este ano ofertáronse un total de 300 prazas, igual que a oferta do ano pasado, que supuxo duplicar as prazas fronte aos anos anteriores.

Así o destacaron a alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, que visitaron no CEIP Sequelo aos nenos e nenas que pecharon por este ano estes campamentos de verán.

Este servizo, tal e como destacou a rexedora, "é unha ferramenta boísima e integral", xa que permite que os nenos socialicen e desenvolvan o seu lado máis creativo e que as familias poidan conciliar "nun momento complexo como é o verán".

Con estes campamentos, segundo o goberno municipal, logrouse cubrir unha parte importante da tempada estival, "ofrecendo ademais comodidade e facilidades para recoller aos pequenos e que estes poidan contar cunha ampla gama de actividades".

Agora xa só queda desexarlle a toda a rapazada unha moi feliz volta ao cole.