Xoán Bascuas (CxG): "Feijóo persevera no mesmo erro. Os recortes lévanos a unha espiral sen saída"

Pontevedra
09 de outubro 2012

Compromiso por Galicia presentáse en Pontevedra como a "verdadeira alternativa" nestas eleccións por apostar "por una nova forma de facer política, na que os cidadáns teñen moito que dicir"

Xoán Bascuas (no centro), acompañado polos candidatos de Compromiso por Galicia pola provincia de Pontevedra PontevedraViva

"Eu veño dunha casta que dicía que Galicia era a nosa nai e a nosa señora. Nós comprometémonos a ter claro ata o último día da nosa vida que Galicia é a medida de todas as cousas". Con esa frase final da intervención de Rafael Cuíña resúmese o mitin central de Compromiso por Galicia en Pontevedra, un acto celebrado no Café Moderno e marcado polas continuas referencias ao galeguismo do que presume esta nova formación política.

O seu candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Xoán Bascuas, presentou a Compromiso por Galicia como "a verdadeira alternativa" nestas eleccións por apostar "por una nova forma de facer política, na que os cidadáns teñen moito que dicir".  Fronte a outros partidos que se quedan, dixo, en declaracións de intencións, Bascuas explicou que eles presentan "propostas e solucións ás respostas, inquedanzas e problemas dos cidadáns galegos".

Pero o certo é que o seu discurso xirou en torno ás súas críticas aos gobernos do PP, en Galicia e en Madrid. Dixo Xoán Bascuas que Núñez Feijóo, durante tres anos e medio, e Rajoy, durante os nove meses que leva gobernando, "perseveran no mesmo erro" o que para el son "as políticas de recortes sen fin, que nos meten nunha espiral sen saída". Ante iso, propuxo que "os cartos de todos dinamicen a economía, mantendo un marxe para o investimento".

"As deputacións só serven para crear reinos de taifas ao servizo de caciques, de xente que practica una política clientelar", dixo Bascuas

Ante estas "políticas de austeridade e de ser parcos no gasto", o candidato de Compromiso por Galicia contrapuxo o gasto que supoñen, ao seu xuízo, as deputacións provinciais. Dixo que custan aos galegos uns 600 millóns de euros ao ano e que só serven para "crear reinos de taifas ao servizo de caciques, de xente que practica una política clientelar". Por iso, avogou pola súa supresión e por afianzar políticas de racionalización do gasto

Pola súa banda, o candidato por Pontevedra, Rafael Cuíña, explicou que as tres grandes liñas que defende Compromiso por Galicia son lograr un maior autogoberno para Galicia, defender a necesidade duns servizos públicos de calidade e afondar nunha rexeneración democrática. Con
respecto a este último, apuntou a necesidade de que a política "ten que ser exemplar" e animou a dar as costas aos candidatos corruptos.

Ademais, os candidatos desta formación política comprométense, dixo Cuiña, a non estar no Parlamento máis de dúas lexislaturas, xa que afirmou que "non se pode vivir da política, estamos aquí para servir á cidadanía". E reclamou o voto útil para o seu partido "para cambiar determinadas formas de política e concebir Galicia doutro xeito". O voto inútil, concluiu, "é o do PP, o do PSOE o do BNG, que son os que nos meteron a xestionar a miseria que estamos vivindo agora mesmo".

E por último, Inma López, candidata número tres da lista pontevedresa criticou a "lapidación" á que se está sometendo aos creadores e ás industrias culturais do país, "negándolle o pan e a sal" e impoñendo criterios alleos aos intereses e necesidades culturais do país. Lamentou ademais a falta dun apoio efectivo e real ó idioma galego e criticou que os medios públicos non poñan coto ao uso masivo do castelán, en aspectos como a emisión publicitaria.

Arquivado en