Xeran unha imaxe tridimensional do ser vivo máis antigo de Pontevedra

Pontevedra
24 de xaneiro 2023

A partir das medicións realizadas este luns cun láser escáner portátil

Medicións do carballo de Santa Margarida cun láser escáner portátil Universidade de Vigo

As investigadoras da Escola Enxeñaría Forestal, Laura Alonso e Ana Solares, xerarán unha imaxe tridimensional do carballo de Santa Margarida, o ser vivo máis antigo de Pontevedra.

Acompañadas da profesora Julia Armesto, este luns fixeron as medicións desta árbore centenaria cun láser escáner portátil e recolleron os datos cun GPS para poder xeorreferenciar a nube de puntos.

Trátase dunha colaboración da escola universitaria coa asociación cultural do Sentir do Carballo de Santa Margarida que permitirá "capturar como é exactamente" unha árbore con máis de 500 anos de historia, como explica o director da escola, Juan Picos. 

O procesado da nube de puntos obtida nesta xornada con tecnoloxía LiDAR permitirá nese senso xerar unha "imaxe tridimensional" que faga posible tanto coñecer con exactitude as dimensións e estrutura deste exemplar de Quercus robur como xerar "reproducións a diferentes escalas do carballo", apunta Picos.

"O que imos facer é virtualizalo, recrear exactamente como é o carballo", sinala o director da EE Forestal dunha iniciativa dirixida a contribuír "á conservación virtual" desta árbore, de tal xeito que, con independencia do que lle poida acontecer a un exemplar cunha "saúde delicada", no futuro poida saberse exactamente "como era o carballo". 

Á realización destas medicións asistiron a presidenta da asociación cultural do Sentir do Carballo de Santa Margarida, Esther Portela, e a vicedirectora do IES Luis Seoane, María Xosé Dourado, entidades que impulsaron a candidatura do carballo para ser o representante español na elección da Árbore Europea do Ano 2023, votacións nas que rematou en terceiro lugar. 

Tamén asistiu a estas medicións a profesora de Belas Artes da Universidad Rey Juan Carlos de Madrid Ana Balboa, coa idea, explica, de coñecer "como se está facendo a dixitalización desta árbore e ver a posibilidade de empregar algún tipo de tecnoloxía parecida nun proxecto no ámbito da escultura". Nese senso, Picos subliñou o positivo da colaboración con investigadores doutros ámbitos, "algo que forma parte da filosofía do Campus Crea".