Xaneiro finalizará con cortes de tráfico no centro urbano por obras de asfaltado

Pontevedra
27 de xaneiro 2022

O Concello de Pontevedra informa da realización de obras de mellora nas rúas Peregrina, Frei Xoán de Navarrete, Andrés Muruais e avenida de Vigo durante o luns 31 de xaneiro e o martes 1 de febreiro. Segundo a Policía Local, queda garantido o acceso e saída dos garaxes

Rúa Andrés Muruais Mónica Patxot - Arquivo

A Policía Local de Pontevedra alerta dos cortes de tráfico que se rexistrarán durante o luns 31 de xaneiro e o martes 1 de febreiro nas rúas Peregrina, Frei Xoán de Navarrete, Andrés Muruais e avenida de Vigo. Está previsto que nestas vías se desenvolvan obras de fresado e asfaltado para mellorar o estado das calzadas.

Luns 31 de xaneiro:

Entre as 08.30 e as 13.30 horas cortarase o tráfico nas rúas Frei Xoán de Navarrete e na rúa Peregrina, no tramo comprendido entre Sagasta e a propia Frei Xoán de Navarrete.

A partir das 15.00 horas, os traballos acometeranse na rúa Andrés Muruais e na avenida de Vigo, no espazo entre a Rúa Germán Adrio e a avenida de María Vitoria Moreno.

Nas dúas quendas de traballo garantirase o acceso e saída aos garaxes dos edificios situados nesta zona, segundo a información facilitada polo Concello de Pontevedra.

Martes 1 de febreiro:

As obras continuarán na Avenida de Vigo, no tramo que vai desde Pintor Luís Seoane ata o Nudo do Pino. O inicio das obras está previsto a partir das 09.15 horas e tamén se estenderán ata as 13.30 horas.

Durante a tarde retomaranse os traballos ás 15.00 e finalizarán ás 19.30 horas. A Policía Local realizará desvíos que permitan garantir a circulación do tráfico durante estas actuacións de reparación do firme.