Xabi, un fillo buscado e esperado que se adiantou 20 días para ser o primeiro bebé do ano en Pontevedra

Pontevedra
01 de xaneiro 2020
Actualizado: 12:44

Os pais de Xabi son Silvia Sotelo e Christian Rey e gozan das primeiras horas co seu pequeno na área de maternidade do Hospital Provincial. No Hospital do Salnés, o primeiro bebé do ano non foi tan madrugador, prevese que chegue durante a tarde

Xabi, primeiro bebé do ano 2020, cos seus pais no Hospital Provincial Diego Torrado

Xabi era un neno buscado e moi esperado e non quixo que os seus pais seguisen agardando máis. Aínda que Silvia Sotelo, a súa nai, aínda saía de contas o 20 de xaneiro, o último día do ano, mentres gozaba da cea de Noitevella, púxose de parto e o pequeno naceu ás 2.14 horas no Hospital Provincial, converténdose no primeiro bebé do ano 2020 en Pontevedra. 

O pequeno é o primeiro fillo de Silvia Sotelo e o seu marido, Christian Rey, un matrimonio de 28 e 30 anos que reside en Combarro (Poio), aínda que ten un negocio de reformas en Pontevedra, reformas Rey. Tras nove anos de relación e dous de matrimonio, buscaron ao seu primeiro bebé.

O parto non só se adiantou, senón que, ademais, foi moi rápido. Silvia estaba na casa e "nada más empezar a cenar, notó que iba a salir". Non o dubidaron e desprazáronse ata o Hospital Provincial. Eran as once e media da noite do 31 de decembro cando ingresaron e, segundo relata a nova nai, "todo fue muy rápido". Tanto que dilatou en moi pouco tempo e "cuando se dieron cuenta, ya ni epidural ni nada".

Tras un parto natural, o pequeno Xabi naceu "totalmente sano" e pesou 2 quilos e 430 gramos ao nacer. Mentres se recupera e recibe as primeiras visitas, na mañá deste mércores 1 de xaneiro, Silvia recoñece que ao decatarse de que non lle poñerían a anestesia epidural pensou que tería un parto moi duro, pero finalmente non o foi tanto: "se llevó bien". 

As primeiras horas de todo neno poden ser complicadas, pero esta parella de Poio asegura que o leva "muy bien". Tras o parto e o período de tres horas de contacto pel con pel, a nai e o bebé foron a unha habitación na área de maternidade do Hospital Provincial. 

Alí recibiron este mércores ás primeiras visitas e aos medios de comunicación, aínda atafegados por ser os pais do primeiro bebé pontevedrés. "No lo esperábamos", recoñece  Christian. Foi a matrona a primeira en deixarllo caer durante o parto e pouco despois confirmáronllo. Este ano non tomaran as uvas, pero non lles importou, pois teñen un neno que "está perfecto" e a honra de ser o máis madrugador.

"Está ahí como un rey", indica Christian. A partir de agora, "a ver qué nos depara", pero o primeiro medio día de vida do neno, foi "de momento, comer y dormir". A lactación materna non foi posible, pero come sen problemas o biberón. Silvia destaca que apenas chora e que "se porta muy ben".

Segundo informou o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, no outro centro hospitalario da área sanitaria, o Hospital do Salnés, o primeiro bebé do ano non foi tan madrugador. Nahir foi a primeira bebé do ano. Naceu ás 13.07 horas e pesou 3 quilos e 480 gramos.

Os pais de Nahir, Josiño Santamaría e Cristina García, declinaron efectuar declaracións ou recibir máis cobertura informativa a este respecto, pregando privacidade nestes intres.