Xa se poden reservar postos para participar na Feira Tradicional de Caldas

Umia
02 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Póñense a disposición 65 casetas que se concederán por estrito orde de chegada

Tallando madeira Juan Mejuto

A XI edición da Feira Tradicional galega de Caldas terá lugar o día 11 de agosto e o Concello vén de abrir este martes o prazo para reservar postos de venda de artesanía, comida e outras mercadorías. 

As solicitudes para as 65 casetas admitiranse por estrito orde de chegada, quedando o prazo aberto ata o vindeiro 15 de xullo ou ata que se esgote a capacidade.

O tenente de alcalde Manuel Fariña fixo unha chamada á participación e implicación de asociacións, colectivos e persoas particulares na iniciativa co fin de acadar un novo récord de asistencia, xa que, segundo dixo, "o atractivo medra, supérase cada ano" e a feira estase a consolidar como unha cita "moi vizosa" tanto para a veciñanza como para persoas de municipios limítrofes e doutras partes de Galicia.

Fariña lembra que a ambientación debe ser moi austera, axeitada para unha feira tradicional galega de finais do século XIX e principio do século XX. Os postos, apunta, poden estar realizados en cana, breixo ou madeira, non admitíndose estruturas metálicas á vista, se ben pode cubrirse o material que se precise e non cumpra a normativa con telas, sacos, ou palla.

As persoas responsables das casetas deberán ir vestidos de acordo á época na que se ambienta a feira, sen empregar tecidos sintéticos nin cores fortes, xa que as tinguiduras que estaban ao alcance da poboación rural daquela época non permitían cores moi estridente.

Nas normas para os postos lémbrase que "os homes adoitaban vestir con traxe mais ou menos raído, garabata e boina, tanto para as labores cotiás como nun día de festa, polo que ademais podían levar sombreiro". A roupa das mulleres, pola súa banda, "marcaba moito a cintura e o busto, para ensancharse logo na cadeira, pero ían tapadas ata o pescozo, nos nocellos e nos pulsos. O pelo recollíase en moños de rosca altos ou unha trenza ás costas ou atavíos rústicos cubertos cun pano. Na época non se levaban as ‘sisas’".

As asociacións, grupos ou persoas interesadas en participar deberán presentar a solicitude debidamente cuberta (anexo I), fotocopia do DNI da persoa que solicita, datos de contacto, copia do carné de manipulador de alimentos -no caso dos postos de alimentación-, e copia da carta de artesán/á ou similar (sei se tivese) e memoria explicativa da técnica de traballo empregada.

As solicitudes deben presentarse a través da sede electrónica do Concello ou persoalmente no rexistro. O prazo estará aberto ata o 15 de xullo e unha vez recibida a solicitude comunicaráselle ás persoas solicitantes a súa admisión no prazo máximo dunha semana. O número de postos habilitados nesta edición é de 65. No caso de renuncia o participante deberá comunicalo á organización o antes posible para así poder cubrir a praza coa lista de agarda.

A organización reservase o dereito da distribución dos postos das asociacións, grupos ou particulares e artesáns en función dos produtos de venda e as súas características, a orde da solicitude, ou a estética.