Xa se poden empregar os novos composteiros da Parda e de Valdecorvos

Pontevedra
02 de xullo 2020

Abriron os centros de reforzo de Pintor Laxeiro e rúa Mestre Soutullo (praza das Regas), e tamén os composteiros de Antón Losada e Maruxa Mallo, nos que están os mestres composteiros explicando e ofrecendo información aos veciños interesados

Composteiros da rúa Maruxa Mallo Mónica Patxot

A Concellaría de Residuos que dirixe Raimundo González Carballo, puxo en marcha os oito novos centros de compostaxe comunitaria situados nos barrios da Parda, Valdecorvos e Campolongo.

Os primeiros en abrir foron os da Parda e Valdecorvos, e logo seguiron os reforzos das rúas Pintor Laxeiro e o da rúa Mestre Soutullo (Praza das Regas - Valdecorvos), que veñen a completar os outros centros de compostaxe instalados na zona.

Son dous novos centros de compostaxe de 10 módulos cada un instalados sobre unha celosía, que dispoñen de colector para estruturante e fonte.

En canto aos composteiros comunitarios das rúas Antón Losada Diéguez e Maruxa Mallo son tamén dous centros de 10 módulos cada un, caixas de estruturante e fonte.

Son os primeiros que se instalan nestas localizacións polo que instalouse unha carpa informativa para atender a todas as persoas que desexen achegarse a coñecer o funcionamento dos centros de compostaxe, obter información ou bolsas de compost.

En distintos horarios, tres mestres composteiras dependentes do Departamento de xestión de Residuos, atenden as preguntas e suxestións dos veciños. Na rúa Maruxa Mallo estarán de 17.00 ás 18.30 horas e en Antón Losada de 19.15 horas a 20.45 horas.

Na actualidade o Concello ten instalados distintos centros de compostaxe a servizo dos veciños nos barrios de Monte Porreiro, Eduardo Pondal-Gorgullón, A Parda e en Valdecorvos-Castañal. En total, 15 centros aos que hai que sumar os 8 novos que se porán en marcha a vindeira semana coa incorporación do barrio de Campolongo.

Dos existentes, tres deles son de 6 módulos, e o resto teñen todos 10. Tratan arredor de 750 toneladas ao ano e cos 8 que entrarán en funcionamento achegarase ao tratamento de 1.150 toneladas ao ano. É dicir, arredor do 8% da produción de biorresiduos do concello de Pontevedra.

O departamento de Residuos xa traballa na implantación da compostaxe comunitaria noutros barrios.