Despois da suspensión da actividade na Inspección Técnica de Vehículos (ITV) co estado de alarma polo coronavirus decretado o pasado 14 de marzo, agora co paso á fase 1 da desescalada permítese a reapertura destes centros na provincia de Pontevedra.
Para aqueles vehículos cuxo período de vixencia da ITV caducase durante o estado de alarma e as súas sucesivas prórrogas, a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) estableceu o 7 de abril unha ampliación de 30 días naturais á finalización do mesmo.
En Galicia ao longo de todo este tempo de paralización da actividade un total de 125.000 vehículos viron expirar o vencemento da súa inspección. Unha cifra á que hai que sumar aqueles cuxa ITV caduca ao longo deste mes.
Diante do previsible colapso na actividade destes centros desde AECA-ITV solicitan ao Goberno unha prórroga calendarizada ata o 30 de setembro de 2020 para realizar a ITV de vehículos con data de vencemento dentro do período do estado de alarma.
Ademais piden a ampliación dos horarios de atención ao público e medidas formativas excepcionais para poder dispoñer do persoal técnico necesario para o gran volume de inspeccións que se esperan.
No ámbito sanitario urxen unha modificación dalgúns dos puntos do alcance das inspeccións técnicas a realizar no interior dos vehículos co fin de evitar contacto entre persoas.