Xa hai acordo para celebrar o San Migheleiro: será o 30 de setembro

Marín
28 de agosto 2023

As dúas partes enfrontadas, o Ateneo Santa Cecilia e a hostalería de Marín, expuxeron as súas posturas e consensuaron a data e as condicións para celebrar a festa, que será o último sábado de setembro, o próximo día 30

Xuntanza entre Ateneo Santa Cecilia e a hostalería de Marín para desbloquear o San Migheleiro Concello de Marín

Tras unha xuntanza na que o Concello de Marín actuou como mediador púxose fin á polémica pola data de celebración San Migheleiro, unha das festas máis emblemáticas da vila.

As dúas partes enfrontadas, o Ateneo Santa Cecilia e a hostalería de Marín, expuxeron as súas posturas e consensuaron a data e as condicións para celebrar a festa, que será o último sábado de setembro, o próximo día 30.

É o día previo ao acto institucional e ao baile da Danza de Espadas de San Miguel, organizado polo Ateneo, que se celebrará o domingo 1 de outubro.

O obxectivo desta mediación é que ambas festas pudiesen convivir, entendendo que o San Migheleiro é unha festa popular que sempre gozou de moito seguimento e que se respecte á celebración da Danza de Espadas de San Miguel, Festa de Interese Turístico de Galicia.

O Ateneo Santa Cecilia quería separar as festas en dúas fins de semana diferentes, para facilitar a apertura da hostalaría o domingo pola mañá e que os danzantes puideran desfrutar de ambas datas sen problema. Ademais querían programar o sábado unha danza branca doutro lugar.

Pero os hostaleiros -20 dos 45 representantes dos locais que participan na ruta de San Migheleiro- insistían en celebrar esta festa popular no día que correspondía, o 30 de setembro.

Tras o acordo entre ambas partes, finalmente será todo a mesma fin de semana, pero co compromiso da hostalería de respectar a danza que se bailará o sábado na Alameda, entre as 19.00 e as 20.30 horas, parando a música durante ese tempo.

Unha vez decidida a data, o Concello procederá a tramitar as autorizacións pertinentes e de contratación daqueles servizos esenciais para o bo desenvolvemento da festa, polo que lle recordou á hostalería que deben cursar as súas solicitudes por rexistro canto antes.

Desde o Concello celebran que se chegara a un acordo para que San Miguel e San Migheleiro poidan coexistir e reitera o seu apoio a todas as persoas que se implican en ambas datas, "ás que se lles presta toda a colaboración que se demanda".