A Xunta de Goberno Local do Concello de Poio aprobou esta semana o expediente correspondente á adquisición de dúas parcelas anexas ao Centro de Saúde de Anafáns, que ata o de agora eran de propiedade privada e que agora pasan a ser de titularidade municipal.
O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, o socialista Gregorio Agís, explicou que estes terreos, que entre ambos suman máis de 800 metros cadrados, serán debidamente adecentados e postos a punto para acoller unhas 20 prazas de estacionamento, que servirán para dar servizo aos usuarios das dependencias sanitarias.
"É unha actuación que dá resposta a unha demanda moi importante por parte da cidadanía e que resulta moi necesaria, dado a falta de espazos que existían nesta contorna para poder aparcar", sinala o concelleiro do Goberno municipal.
Agís lembra que a compra destes terreos realízase a cargo do crédito solicitado no seu día polo Concello. O investimento ascende a uns 70.000 euros aproximadamente. En todo caso, o responsable do departamento de Promoción Económica e Urbanismo avanza que, ademais de acoller novas prazas de estacionamento en batería, "temos previsto desenvolver un proxecto máis ambicioso na contorna, que tamén incluiría un importante reforzo da seguridade viaria e peonil".
O dirixente municipal apunta que a actuación tamén ten coma obxectivo dar servizo a todos os negocios e comercios existentes na contorna da Porteliña e explicou que "a nosa intención é empezar o antes posible cos traballos de posta a punto das parcelas, de xeito que poidan comezar a ser utilizados pola veciñanza en canto sexa posible".
Desde hai aproximadamente un ano, as xestións efectuadas desde a Administración municipal serviron para aumentar o número de prazas de estacionamento en diferentes lugares do concello. Así, o propio Gregorio Agís lembra a posta a disposición da cidadanía do terreo situado entre a Rúa Palestina e As Bocas, na parroquia de San Salvador, con capacidade para uns 200 vehículos aproximadamente. A Concellería de Urbanismo tamén está xestionando o uso dunha parcela na zona de Valiña para tal fin.
A estes espazos hai que sumar a explanada próxima á igrexa de Samieira, con capacidade para acoller a máis de 100 vehículos e que foi cedida polo Arzobispado para ser utilizada cando hai actos relixiosos no templo, así como os aparcadoiros disuasorios habilitados na Rúa Padre Avelino e na Rúa Pedro Soto de Campelo, que serviu para por a dispor da veciñanza un total de 30 prazas. En Raxó, pola súa banda, tamén se acondicionou unha explanada na Avenida da Toxa, á altura da PO-308.
"Imos continuar traballando para facer que este tipo de espazos medren en todas as parroquias, porque é un compromiso que temos adquirido e contemplado no Plan de Mobilidade Sostible", conclúe o concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo.