Nova vida para a pista polideportiva de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade, que acaba de ser obxecto dunha mellora na que se investiron uns 75.000 euros.
O Concello mantén aberta ao público a pista desde hai uns días e ten unhas normas de uso nas que se establece que está prohibido entrar con patinetes ou bicicletas, patíns ou similares, non poden acceder animais, nin con comida nin bebida e os menores de 3 anos terán que entrar acompañados por un adulto.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; o xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños; e o xefe territorial de Deportes, Daniel Benavides, acompañaron ao alcalde, Jorge Cubela, e membros do equipo de goberno na visita realizada á pista.
A nova pista polideportiva conta cun peche perimetral novo, un pavimento máis acaído para a práctica deportiva, un pintado para diversas modalidades deportivas e toda unha serie de elementos que a converten nun espazo multifuncional para a práctica deportiva.
Para poder dispoñer da iluminación nocturna os usuarios deberán solicitalo previamente no Concello chamando ao teléfono 986 76 00 01 e explicaranlles o procedemento.
Jorge Cubela manifestou a súa satisfacción polo remate das obras xa que "converten esta pista nun lugar moi axeitado para a práctica deportiva de diversas modalidades ao tempo que garante unha práctica segura".
Foi financiada con fondos da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Pontevedra.
O alcalde defendeu o investimento nesta pista porque se atopa nun "lugar privilexiado" onde se concentran todos os servizos adicados á infancia e á mocidade: os centros educativos, a Escola Infantil, o pavillón, o parque infantil ou o instituto.