Volvéronse os adolescentes máis violentos?

Pontevedra
26 de marzo 2016

Na actualidade, pódense atopar cada vez máis casos de violencia que teñen como protagonistas a adolescentes no municipio de Pontevedra como, por exemplo, denuncias de agresións de alumnos contra profesores. Cal é a opinión dos cidadáns sobre a carga de violencia dos adolescentes?, consideran que aumentou? 

Adolescentes na rúa Mónica Patxot

Cada vez saen á luz máis casos de agresións por parte de mozos e adolescentes. No que vai de ano, varios son os casos deste tipo que xurdiron no municipio de Pontevedra como, por exemplo, as denuncias de Comisións Obreiras polas agresións dos adolescentes cara a profesores do IES Príncipe Felipe.

Cabe preguntarse se realmente estas situacións se producen por un aumento de violencia nos adolescentes. PontevedraViva sae á rúa para sondar cal é a opinión dos pontevedreses sobre este tema e coñecer a opinión dos cidadáns da capital do Lérez sobre a carga de violencia soportada polos adolescentes na actualidade.

Os cidadáns enquisados afirman que, efectivamente, os adolescentes sustentan unha gran carga de violencia. Aínda que, moitos manifestan que non se produciu un aumento desta violencia, senón que "sempre estivo aí presente, pero agora vese máis". Os adultos, mulleres e homes, manifestan a influencia dos xogos e mesmo das series como consecuencia deste fenómeno. Algúns dos enquisados, mulleres novas, adultos e tamén pensionistas, coinciden en que non se trata só de violencia, senón tamén de falta de educación e de respecto cara aos maiores

En queámbitos consideran os pontevedreses que se dá esta carga de violencia? As respostas son moi diversas. Por unha banda, homes de mediana idade declaran que se manifesta en todos os entornos, mentres que as mulleres novas consideran que na actualidade dáse máis no ambiente educativo. Moitos dos enquisados explican que se aprecia en "sitios concretos", e a maioría coinciden en que se da en situacións de tempo libre e de festa entre os propios adolescentes. Algúns pensionistas, homes e mulleres, cren que sobre todo esta violencia maniféstase en familias con problemas e desestruturadas