No marco do proxecto os 'Xardíns que Falan', impulsado polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, para converter os espazos da rede Verde Urbano en elementos vivos, dinámicos e con mensaxe, os xardíns da praza de España exhiben desde este venres unha nova chamada de concienciación e ánimo neste tempo de pandemia.
O debuxo dunha xiringa da que nace unha árbore acompañada dun contundente lema: 'Moita Vida' é unha apelación a toda a cidadanía para que reflexione sobre a importancia da vacinación para chegar a conter a pandemia da Covid-19, acadar canto antes a ansiada inmunidade e frear a súa mortalidade.
A nova campaña de fomento da vacinación será completada nos vindeiros días con máis intervencións e arranxos florais na propia praza de España e nos xardíns da praza de Ourense.
O rótulo foi visitado esta mañá polo propio Iván Puentes xunto aos seus compañeiros do Grupo Municipal Socialista, o tenente de alcalde e concelleiro responsable da área de Saúde, Tino Fernández, e a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco.
Tal e como subliñou Puentes, "nun contexto no que aínda agroman correntes negacionistas, temores, dúbidas e informacións pouco contrastadas, queremos mandar unha mensaxe clara en favor da ciencia como único camiño posible para acadar a volta á normalidade e para garantir vida".
Anteriormente, neste lugar da praza de España, realizáronse intervencións coas que se reivindicaba o Orgullo LGTBI, a celebración da festividade do Samaín ou unha lembranza ás vítimas da violencia machista.