Volven os divertidos vermús de Pinto e Maragota para celebrar o Día do Orgullo LGTBIQ+ 2020

Pontevedra
28 de xuño 2020

MarikasXlaFiesta, Meiga_i e Ariezzz levaron a festa á praza da Verdura durante a tardiña deste sábado, na véspera da celebración do Día do Orgullo LGTBIQ+. A concelleira de Igualdade, Paloma Castro asistía a esta actuación acompañada dos tamén concelleiros socialistas Tino Fernández e Iván Puentes

MarikasXlaFiesta, Meiga_i e Ariezzz Concello de Pontevedra

A praza da Verdura encheuse de público no regreso dos Vermús de Pinto e Maragota, que no atardecer deste sábado 27 na súa sesión Circas ofrecía as actuacións de MarikasXlaFiesta, Meiga_i e Ariezzz.

Con humor, música e baile, o público participou e divertiuse durante esta sesión que se realizaba para festexar o Día do Orgullo LGTBIQ+, que se celebra este domingo 28 de xuño. Paloma Castro, concelleira de  Igualdade, acudía ao evento en compañía dos concelleiros do grupo socialista Tino Fernández e Iván Puentes e o candidato socialista por Portevedra, Rafael Cotelo.

O espectáculo buscaba, dunha forma desenfadada, concienciar sobre a necesidade social de respectar todas as identidades sexuais e reivindicar o dereito para vivir libremente sen sufrir discriminacións por ser lesbiana, gai, bisexual, persoa transxénero ou intersexual.

Este acto englóbase no programa da Semana do Orgullo  LGTBIQ+ que desenvolve o Concello de Pontevedra e que se visibiliza coa instalación dunha bandeira cos cores do arco da vella no balcón da antiga Casa do Concello.