Volven as restricións en Galicia ante o avance da covid-19

Pontevedra
11 de novembro 2021

O presidente da Xunta avanzou que subcomité clínico estuda esixir o certificado  Covid para as visitas aos hospitais, así como para acceder a "determinadas" instalacións e eventos

Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda Xunta de Galicia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo avanzou que o subcomité clínico analizará este venres as restricións para aplicar ante o incremento de contaxios pola covid en Galicia.

O titular do Goberno galego sinalou que fundamentalmente se propón "a posibilidade de esixir pasaporte covid para acceder a determinadas instalacións e eventos" este certificado garante que unha persoa está vacinada. A medida aplicaríase a quen realice visitas en todos os hospitais da comunidade.

"E pediremos á xustiza, ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que sexa obrigatorio para acceder a calquera planta hospitalaria como visitante. E se é necesario noutros escenarios, pedirémolo. Estamos a traballar neste momento", explicou.

Galicia superará esta semana o milleiro de casos activos de coronavirus.

"Seguimos convivindo co virus. Aínda non se traduciu nunha situación preocupante nos hospitais, pero os datos van subindo", apunta Feijóo, que insiste en facer un chamamento de prudencia á sociedade e, ademais, convida as persoas non vacinadas a facelo.

Feijóo sinalou que a nosa Comunidade continúa nunha boa situación a nivel epidemiolóxico "as cousas en relación á media de España van ben, moi ben en relación á Unión Europea, pero en relación con nós mesmos non van tan ben", dixo.

O presidente lembrou que o número de casos covid activos que derivan aos hospitais "é totalmente diferente ás ondas previas á vacina" xa que "os ingresos son moito menores. Pero isto non significa que, a medida que avance o inverno, que os lugares de lecer estean ao 100% de aforo, hai un maior risco de contaxio", declarou.

"Se a situación epidemiolóxica en Nadal é a de hoxe en día, non haberá ningunha restrición", puntualizou Feijóo "sempre sinalamos que tomariamos decisións segundo a situación" polo tanto "se hai algunha tensión nalgún lugar, nalgunha zona, actuariamos evidentemente".

"Agora mesmo non hai ningunha previsión, salvo monitorar a situación e analizar cada 10  ou 12 días",  engadiu. "Aplicar o protocolo, o protocolo segue  vixente" e insistiu Feijóo en que "a situación agora é boa, pero a evolución comeza a preocuparnos".