Volve 'Ruxe Marín' o festival de percusión afrobrasileira de Axé Bahía Batucada

Marín
28 de maio 2024

Será esta fin de semana na Finca de Briz e traerá a artistas internacionais desde Oporto, Río de Janeiro, Salvador de Baía, Badaxoz ou Madrid

Ruxe Marín Concello de Marín

A Asociación Cultural Axé Bahia Batucada presentou xunto coa concelleira de Festas, Marián Sanmartín, unha nova edición do Ruxe Marín.

Será esta fin de semana na Finca de Briz e traerá a artistas internacionais desde Oporto, Río de Janeiro, Salvador de Bahía, Badaxoz ou Madrid, que crearán en Marín un ambiente único no que poder achegarse á cultura afro-brasileira.

Tal e como explican os seus organizadores, o Ruxe Marín pon en contacto a estes costumes e culturas tan afastadas a través da música e tamén "permitirá que gocemos da esencia brasileira a través da gastronomía, poñendo ao dispor do público postos con comida tradicional do país, como feixoada, acarajé, coxinha de galinha e bebidas típicas, como a caipirinha".

O festival arrancará o venres cun obradoiros de percusión impartidos polo madrileño Antonio Monedero e por Vanderlei Jr, chegado directamente desde a cuna da percusión: Salvador de Bahía.

A xornada do sábado será o plato forte, con obradoiros e sesión vermut en La Bailona Gastrobar (Paseo Alcalde Blanco), actuacións de diferentes batucadas, postos de artesanía, concertos, animación a cargo de Tai Andrey e sesión DJ con Jorge Álvarez.

Ademais, para os máis futboleros, o festival contará cunha pantalla xigante onde se proxectará a final da Champions League entre o Borussia Dortmund e o Real Madrid ás 21:00.

O peche do festival será o domingo, cando ás 11.00 horas os participantes, batucadas, músicos e artistas en xeral enchan Marín cun pasarrúas multitudinario, que rematará na Alameda.