Volve rexistrarse un lixeiro aumento da presión hospitalaria por casos covid na área sanitaria

Pontevedra
28 de febreiro 2021

Incrementouse en dúas persoas os ingresos hospitalarios por esta enfermidade. Este domingo, segundo os datos ofrecidos pola Consellería de Sanidade, hai 59 persoas ingresadas entre o Hospital Montecelo e o Hospital do Salnés infectados por covid-19. Nas últimas 24 horas rexistráronse 33 novos casos activos na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés

Cribado de detección da covid-19 en Meaño Sergas - Arquivo

O descenso da presión asistencial que viña rexistrando durante os últimos días sufriu un retroceso. Este domingo hai dous pacientes máis ingresados por covid-19 nos hospitais da área sanitaria. 

Segundo a Consellería de Sanidade, 45 pacientes covid atópanse en planta de hospitalización, unha máis que o sábado, repartidos da seguinte forma: 34 no Hospital Montecelo e 11 no Hospital do Salnés. A esta cifra, hai que sumar as 14 persoas, unha máis que o sábado, na Unidade de Coidados Críticos do  Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP).

Rexistráronse 33 novos casos nas últimas 24 horas, 29 deles a través das 881 PCRs realizadas. 724 pacientes atópanse evolucionando da enfermidade nos seus domicilios dun total de 783 casos activos, 59 menos que o sábado.

Nas últimas horas falecía un home de 70 anos que presentaba patoloxías previas en Montecelo e a cifra de persoas falecidas desde o inicio da pandemia ascende a 154 pacientes na área sanitaria.

DATOS EN GALICIA

Galicia rexistrou 208 novos positivos de covid-19 nas últimas 24 horas. Son 64 contaxios diarios menos respecto a os ofrecidos na xornada do sábado e o menor número durante a terceira onda da pandemia. Atópanse activos 5.485 casos, con 108 persoas nas Unidades de Coidados Críticos e 424 pacientes en planta de hospitalización mentres que 4.953 persoas recupéranse nas súas vivendas da enfermidade.

Faleceron 2.227 persoas por culpa desta enfermidade, sete mortes máis rexistradas nas últimas horas. A incidencia acumulada durante os últimos 14 días é de 58,56 (-7,8) mentres que a incidencia acumulada nos últimos 7 días é 65.97 (-3,0).