Volve con éxito o 'Día de la Banderita' ás rúas pontevedresas en apoio á Cruz Vermella

Pontevedra
09 de outubro 2013

Despois de 18 anos sen celebrar esta xornada na cidade, os voluntarios da Cruz Vermella volveron percorrer as rúas de Pontevedra dentro do 'Día de la Banderita', un dos eventos máis emblemáticos da Institución con máis dun século de historia. A Cruz Vermella recupera esta colecta co obxectivo de axudar a colectivos e familias que se encontran nunha situación de debilidade económica nestes momentos

'Día de la banderita' da Cruz Vermella Mónica Patxot

Despois de 18 anos sen celebrar esta xornada na cidade, os voluntarios da Cruz Vermella volveron percorrer as rúas de Pontevedra dentro do 'Día de la Banderita', un dos eventos máis emblemáticos da Institución con máis dun século de historia.

A Cruz Vermella recupera esta colecta co obxectivo de axudar a colectivos e familias que se encontran nunha situación de debilidade económica nestes momentos.

Segundo Juan Carlos Pérez, técnico de formación na Cruz Vermella de Pontevedra, arredor de 40 persoas percorren durante esta xornada o centro da cidade cos tradicionais petos. "No hacemos como antes, que montábamos una mesa" señala Juan Carlos Pérez, "los socios y los trabajadores salimos en grupos y está teniendo mucha repercursión entre los ciudadanos". Tamén 15 colexios participan a través da Federación de Nais e Pais de Pontevedra.

O técnico da organización afirma que, debido á crise, os pontevedreses se mostraron máis solidario. "Lo estamos notando hoy, pero también en el sorteo del Oro y en los socios", Juan Carlos Pérez recoñece que algúns socios se deron de baixa porque non podían facer fronte ao desembolso económico pero, en cambio, rexistraron un incremento de novos socios, concienciados da necesidade de colaborar coa institución.

No último ano, a Cruz Vermella tivo que centrarse en intervencións sociais. "Tenemos proyectos de reparto de alimentos, ayudas de pago de luz y un proyecto escolar con aulas de estudio y en algún caso hemos comprado los libros", comenta Juan Carlos Pérez. Durante 2012, a Cruz Vermella atendeu a 27.000 persoas na provincia con estes proxectos, no primeiro semestre de 2013 a cifra encóntrase preto das 23.000 na provincia. Na bisbarra de Pontevedra, durante este ano lévanse atendidos 5.000 casos fronte aos case 7.000 de 2012. O técnico da Cruz Vermella indica que no proxecto escolar, no que agora ofrecen tamén merendas, se pasou de 55 nenos a 250 ao longo deste ano.

O método que seguen para atender estes casos realízase tras unha avaliación a cargo de persoal especializado. A Cruz Vermella pontevedresa conta tamén con asesoramento xurídico para casos de desafiuzamentos para buscar fórmulas de negociación coas entidades bancarias e ao mesmo tempo, a organización axudou a pagar alugueres atrasados.

O 'Día de la Banderita' é unha das principais fontes de financiamento da Cruz Vermella. Os fondos recollidos destinaranse ao primeiro Chamamento de Axuda lanzado por Cruz Vermella na súa historia para atender ás persoas afectadas pola actual crise socioeconómica.