Volve a “xoia da coroa” da vida saudable, Ponteandadas, con oito rutas de maio a novembro

Pontevedra
09 de maio 2022

A actividade este ano suma tamén unha compoñente de coidado do medio ambiente que se vén unir á súa promoción da vida saudable e da posibilidade de que a poboación coñeza as "xoias naturais e etnográficas" de Pontevedra. A programación vaina inaugurar o 22 de maio a Ponteandada do Camiño de Santiago

Tino Fernández e Juan Romero presentan as Ponteandadas 2022 Diana Eiras

Ponteandada do Camiño de Santiago o 22 de maio, ruta Natural por Xeve-Verducido o 5 de xuño, Cabanas Prehistóricas por Lourizán-Salcedo o 26 de xuño, Río Verdugo por Ponte Sampaio o 10 de xullo, ruta dos Canteiros por Mourente-Tomeza o 11 de setembro, itinerario nocturno dos Fachos o 1 de outubro, Magosto por Lérez-Alba o 23 de outubro e unha ruta final solidaria por O Burgo-Campañó o 6 de novembro. Este será o calendario da vida saudable durante os vindeiros meses en Pontevedra

Trátase da programación dunha nova edición do circuíto de rutas saudables Ponteandadas 2022, que este luns presentou o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e o presidente da entidade organizadora, Naturgaliza Club, Juan Romero.

Esta nova edición chega coincidindo co bo tempo dentro do programa A Vida é Movernos e Tino Fernández destacou que se trata dunha das "xoias da coroa" da programación do seu departamento, que empezou dunha maneira "modesta" e, ano tras ano, tamén durante a pandemia, logrou ir tendo cada vez máis "repercusión social".

A actividade "vaise ampliando e mellorando co paso dos anos" e ten "boa acollida entre os veciños e as veciñas de Pontevedra" e aquela intención coa que naceu de animar á poboación a facer actividade física consolidouse pouco a pouco como unha iniciativa que axude a mellorar a condición física e previr enfermidades a través da actividade física. 

Agora, como un proxecto xa "sólido, consolidade e moi bonito", con "tremenda acollida entre os cidadáns", este ano suma tamén unha compoñente de coidado do medio ambiente que se vén unir á súa promoción da vida saudable e da posibilidade de que a poboación coñeza as "xoias naturais e etnográficas" de Pontevedra. 

Ponteandadas bota a andar este mes de maio e inclúa rutas ata o mes de novembro, animando á poboación a que "se anime a camiñar e coñecer todos os tesouros que temos na nosa contorna".  

O programa contempla roteiros de entre 10 e 14 quilómetros e o número máximo de participantes por andaina será de 300 persoas, levándose un rigoroso orde de inscrición ata completar as prazas.

Juan Romero sinalou este luns que as inscricións ás andainas xa poden realizarse, enviando, ata as 00:00 horas do mércores previo á celebración da camiñada, unha mensaxe cos datos persoais ao email ponteandadas@gmail.com ou ao teléfono 625 482 636. Debe achegarse nome completo, DNI, data de nacemento, dirección de correo electrónico e teléfono de contacto.

Ademais, poderase facer a inscrición de xeito presencial na tenda Naturcamiña, no número 3 das Galerías Peregrina.

Segundo os datos facilitados por Juan Romero, arredor dun 77% das persoas que participan nestas rutas son mulleres. "Á hora de saír a camiñar parece que elas son máis constantes. Veñen grupos de ata 12 mulleres", sinalou. 

Estas son as rutas 2022:

  • Ruta 1: Ponteandada do Camiño de Santiago. Domingo 22 de maio. Saída ás 10:00 horas. Punto de encontro: Praza de España. Percorrido circular de dificultade media e duración estimada de 3 horas. 
  • Ruta 2: Ponteandada Natural (Xeve-Verducido). Domingo 5 de xuño. Saída ás 10:00 horas. Punto de encontro: igrexa de Santa María de Xeve. Percorrido circular de dificultade media e duración estimada de 2,5 horas. 
  • Ruta 3: Ponteandada Cabanas Prehistóricas (Lourizán-Salcedo). Domingo 26 de Xuño. Saída ás 10:00 horas. Punto de encontro: Complexo Deportivo Rías do Sur (Pontemuíños). Percorrido circular de dificultade media e duración estimada de 3 horas. 
  • Ruta 4: Ponteandada do Río Verdugo (Ponte Sampaio). Domingo 10 de xullo. Saída ás 10:00 horas. Punto de encontro: ponte medieval de Ponte Sampaio. Percorrido circular de dificultade media e duración estimada de 3,5 horas. 
  • Ruta 5: Ponteandada dos Canteiros (Mourente-Tomeza). Domingo 11 de setembro. Saída ás 10:00 horas. Punto de encontro: igrexa de Bora. Percorrido circular de dificultade baixa e duración estimada de 3 horas. 
  • Ruta 6: Ponteandada dos Fachos (nocturna). Sábado 1 de outubro. Saída ás 20:00 horas. Punto de encontro: Praza de España. Percorrido circular de dificultade baixa e duración estimada de 2 horas. 
  • Ruta 7: Ponteandada do Magosto (Lérez-Alba). Domingo 23 de outubro. Saída ás 10:00 horas desde a Illa das Esculturas. Percorrido circular de dificultade media e unha duración estimada de 3 horas. Esta camiñada incluirá a celebración dun magosto ao remate da ruta, coincidindo co inicio do outono. 
  • Ruta 8: Ponteandada Solidaria (O Burgo-Campañó). Domingo 6 de novembro. Saída ás 10:00 horas. Punto de encontro: ponte do Burgo. Percorrido circular de dificultade media e duración estimada de 3 horas. Neste roteiro solicitarase aos participantes unha doazón en forma de produtos non perecedoiros para o Banco de Alimentos de Pontevedra.