Volve a operación Centinela Gallego, unha acción "única a nivel estatal" que demostra que "no hai límite de medios" contra o lume

Pontevedra
28 de xullo 2023

Como cada verán desde 2007, os montes galegos volverán ser escenario dunha operación militar, Centinela Gallego. Trinta patrullas, 25 da Brigada Galicia VII, Brilat, e cinco da Armada, terán unha misión de "vixilancia e disuasión efectivas" para favorecer a prevención e identificación de potenciais incendiarios

Presentación da Operación Centinela Gallego 2023

Como cada verán desde 2007, os montes galegos volverán ser escenario dunha operación militar, Centinela Gallego, que ten como obxectivo último "previr incendios forestais". Sumaranse este ano trinta patrullas, 25 da Brigada Galicia VII, Brilat, e cinco do Terzo Norte da Armada, e a súa misión será "vixilancia e disuasión efectivas" para favorecer esa prevención, así como a identificación de potenciais incendiarios.

A edición 2023 desta operación presentouse este venres na base Helitransportada do Campiño coa presenza do conselleiro delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o conselleiro do Medio Rural, José González; o xefe da Brilat, xeneral de brigada Alfonso Pardo de Santayana Galmis; o coronel xefe do Terzo Norte de Infantería de Mariña, Francisco Guerrero; a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; e o deputado provincial Jorge Cubela, ademais doutros cargos policiais, militares e civís

O comandante Alberto Santos, xefe de operacións da Brilat, explicou que unha das novidades desta edición é a ampliación das zonas de actuación. Manterán as zonas Águila (Barbanza, A Coruña), Azor (sur de Pontevedra) e Halcón (Ourense), pero ampliarán esta última para engadir municipios do sur de Lugo con Ourense, unha área do Courel moi afectada o verán pasado. 

En total, serán 130 militares e 40 vehículos que contarán co apoio de sistemas aéreos non tripulados que irán cambiando as súas zonas de traballo, priorizando o despregamento nas zonas onde os informes diarios sitúen que é preciso. 

Nunha intervención acompañada por mapas e gráficos, o comandante Santos insistiu en que "o que máis detectamos é que a disuasión é dos principais valores que achegamos". 

A operación baséase en catro puntos fundamentais: "presenza permanente nas zonas de responsabilidade asignadas", que son revisables; patrullas terrestres, con misión de vixilancia e disuasión 24/7; política informativa activa; e un marco temporal prorrogable.

Esta operación está rexida por un convenio entre o Goberno galego e o Ministerio de Defensa que se asinou este venres e que entrará en vigor o vindeiro 15 de agosto, primeiro día no que estas patrullas militares empezarán a súa misión. Permanecerán nos montes galegos ata o 30 de setembro. 

Pedro Blanco destacou que este convenio supón "unha colaboración única a nivel estatal" que demostra que "para este Goberno non hai límite de medios na resposta diante dun incendio forestal en Galicia". 

José González amosou tamén o seu "orgullo e satisfacción" por ver como dúas administracións "somos capaces de asumir colaboración para loitar contra unha das principais lacras que temos en Galicia, os incendios". 

O xeneral Pardo de Santayana insistiu en que "a clave do éxito" desta operación é "colaboración, coordinación e integración". "É a única maneira de que isto vaia ser efectivo", sinalou, destacando tamén a importancia dou "coñecemento do terreo", que fai que se opte por dar continuidade aos militares que integran as patrullas, e tamén que ao longo dos anos "gañamos en eficiencia" incorporando o aprendido na tempada anterior. 

A LOITA EN CIFRAS

En 2022, a operación percorreu 320.000 quilómetros dos montes galegos e realizou ao redor de 5.600 vixilancias físicas e 11.000 minutos de vixilancia e observación co emprego de   sistemas aéreos tripulados de forma remota.

O delegado do Goberno explicou que o Executivo estatal reforza a loita contra os incendios da Xunta con preto de 4.000 efectivos e 10 medios aéreos, así como equipos especializados en vixilancia e investigación. Esta colaboración implica a tres ministerios, os tres exércitos, a UME, a Garda Civil e a Policía Nacional. 

Durante o ano 2022, Galicia foi a comunidade autónoma española que máis veces requiriu a participación dos medios estatais de extinción de incendios, que participaron na extinción de 118 lumes, sumaron 2.000 horas de voos e 8.100 descargas de auga e supuxeron o 25% de todas as horas voadas polos avións estatais en toda España.