Voluntarios traballarán no Gafos e no Valdecorvos na xornada de limpeza simultánea de ríos

Pontevedra
25 de setembro 2024

Este domingo, 29 de setembro, entre as 10:30 e as 14:00 horas, terá lugar a XVII Limpeza simultánea de ríos en toda a xeografía galega

Limpeza simultánea dos ríos Adega

Este domingo, 29 de setembro, entre as 10:30 e as 14:00 horas, terá lugar a XVII Limpeza simultánea de ríos en toda a xeografía galega.

Esta actividade está organizada pola asociación ecolóxica Adega e o Proxecto Ríos, e contará coa participación de aproximadamente 60 municipios e 70 entidades en toda Galicia.

No caso da cidade de Pontevedra as persoas voluntarias limparán o Gafos e o Valdecorvos.

Vaipolorío e a Fundación Juan XXIII ocuparanse da limpeza do tramo urbano do río Gafos. Para participar hai que chamar ao teléfono 676 842 942 (Vaipolorío) antes do domingo.

A limpeza popular do río Valdecorvos está organizada polo Centro Social A Pedreira, a Asociación veciñal Altamira-San Antoniño, a Asociación de Nais e Pais do CEIP Vilaverde de Mourente e tamén Vaipolorio.

Neste caso os traballos comezarán desde a rúa Prado Novo na intersección co propio camiño do rego Valdecorvos.

A actividade contará cunha importante parte de educación e concienciación medioambiental e consistirá na retirada nas marxes do río do lixo acumulado, gardándoo en sacos que despois recollerá o servizo de recollida de lixo municipal.

Só é necesario levar un calzado cómodo para camiñar. Desde as asociacións facilitarán todo o material necesario (sacos, luvas, ganchos, etc) pero cada quen pode traer o seu propio, ademais do Proxecto Rios entregan un presente a todas as persoas participantes.

As persoas interesadas en participar desta limpeza poden aparecer directamente no punto de encontro ou solicitar mais información no enderezo electrónico: apedreira@riseup.net ou no teléfono/WhatsApp 623 31 75 79.