Aqueles matrimonios que celebran medio século de convivencia recibirán unha felicitación e un obsequio por parte do Concello de Poio, tal e como vén realizando desde o ano 1993. Nesta ocasión, por segundo ano consecutivo, será no domicilio dos matrimonios que celebren as vodas de ouro.
A concellería de Benestar Social tomou a decisión de anular a tradicional gala que se realizaba na Casa Rosada con todas as parellas que sumaban os seus cincuenta anos de matrimonio. Con motivo da pandemia, desde o Concello decidiuse que a concelleira do departamento, Rosa Fernández, sexa quen se achegue por cada vivenda para entregar o obsequio conmemorativo.
A concelleira socialista espera que en 2022 xa se poida celebrar a festa colectiva pero este ano, indica, decidiuse suspender por prudencia e aprazalo ata que exista unha normalidade absoluta.
O Concello busca, dentro destas iniciativas, parellas que casaron no municipio no ano 1971 ou que leven vivindo en Poio durante anos, aínda que casasen noutro lugar. En 2020, a concelleira visitaba a 31 familias para realizar a entrega dos agasallos. Rosa Fernández fai un chamamento á participación da cidadanía para localizar a estes matrimonios que celebren as vodas de ouro.
Ata o 25 de outubro pódese informar a Benestar Social a través do teléfono 986.872.401.