Vitoria do PP na cidade de Pontevedra cun BNG que case duplica os seus votos

Pontevedra
13 de xullo 2020

O Partido Popular logrou manter a súa hexemonía na cidade de Pontevedra nas eleccións galegas celebradas este domingo. Igual que hai catro anos os populares a forza máis votada na Boa Vila, aínda que se deixan polo camiño preto de mil votos

Xente votando nas eleccións galegas do 12X Cristina Saiz

O Partido Popular logrou manter a súa hexemonía na cidade de Pontevedra nas eleccións galegas celebradas este domingo. Igual que hai catro anos os populares a forza máis votada na Boa Vila, aínda que se deixan polo camiño preto de mil votos.

Así, o PP obtivo 16.918 votos fronte os 17.839 que logrou en 2016. Iso si, ante a maior abstención, que no caso de Pontevedra creceu uns seis puntos, a súa porcentaxe de voto é maior, chegando ata o 43,43%. En 2016 quedaron no 42,05%.

Seguindo a tendencia que tivo en toda Galicia, o BNG dispárase tamén en Pontevedra. Os nacionalistas sumaron 10.708 apoios por parte dos pontevedreses, situándose nun 27,49%. Hai catro anos lograran 6.332 votos e un 14,93%.

Os socialistas tamén crecen na cidade, aínda que máis timidamente. Pasan a un 19,19% de votos fronte ao 16,88% de 2016, o que se traduciu en 7.478 votos, 318 máis que nos últimos comicios autonómicos. 

O resto de partidos non logran despuntar na Pontevedra nin atraer os votos que se deixa a esquerda rupturista polo camiño.

Galicia en Común, a coalición entre Podemos, Esquerda Unida e Anova, obtivo un respaldo do 3,61%, é dicir 1.405 votos; mentres que Vox debutou nunhas eleccións autonómicas atraendo a 932 pontevedreses, un 2,39% do total de votantes.

Apenas 493 persoas apoiaron a proposta de Ciudadanos, que se deixa 1.281 votos con respecto a 2016 e queda cunha porcentaxe do 1,27%. PACMA, que tamén perde votantes, obtén 204 sufraxios (0,52%) e a Marea Galeguista só seduciu a 121 persoas, un 0,31%.