Visitas guiadas de balde na ruta do viño Rías Baixas

O Salnés
24 de maio 2013

A Ruta do Viño Rías Baixas acollerá os vindeiros días 1 e 2 de xuño as II Xornadas de Portas Abertas co obxectivo potenciar a enogastronomía como atractivo turístico para a nosa comunidade. Como gran novidade, o sábado ás oito da noite celebrarase un concerto musical gratuíto a cargo de Eladio y los Seres Queridos, celebrarase no Salón José Peña de Cambados e a entrada será libre ate completar o aforo

Acto de presentación das segundas xornadas de portas abertas das Rutas do Viño Xunta de Galicia

A Ruta do Viño Rías Baixas acollerá os vindeiros días 1 e 2 de xuño as II Xornadas de Portas Abertas co obxectivo potenciar a enogastronomía como atractivo turístico para a nosa comunidade.

Segundo resaltou este venres en Cambados a directora xerente de Turgalicia, Carmen Pita, "Turismo de Galicia está a desenvolver iniciativas que contribúan á posta en valor da enogastronomía e á súa promoción, deseñando produtos e programas novidosos que fagan atractivo o destino".

Segundo comentou Carmen Pita "o turismo enogastronómico é considerado como unha peza clave a potenciar no sector turístico de Galicia, e máis se temos en conta que constitúe a segunda motivación, despois da natureza, pola que os turistas nos elixen para as súas estadías vacacionais ou de lecer", explicou.

A primeira edición da Xornada de Portas Abertas tivo gran acollida e nesta segunda edición incorporáronse novidades que fagan atractiva esta nova xornada, o 1 e 2 de xuño.

Nestes días, 22 adegas das cinco Denominacións de Orixe Protexida ofrecerán de balde visitas guiadas polas súas instalacións e degustacións dos seus viños. Haberá catro pases de visitas o sábado. Dous pola mañá, ás once e media e á unha e outros dous pola tarde, ás cinco e ás seis e media. O domingo haberá o derradeiro pase ás doce da mañá.

Ademais, 8 restaurantes enclavados na Ruta do Viño Rías Baixas ofrecerán menús especiais e outros 8 aloxamentos da zona aplicarán descontos con motivo deste programa. Como gran novidade, o sábado ás oito da noite celebrarase un concerto musical gratuíto en cada unha das rutas. No caso das Rías Baixas o concerto correrá a cargo de Eladio y los Seres Queridos, celebrarase no Salón José Peña de Cambados e a entrada será libre ate completar o aforo.

APP ENOTURISMO

Como valor engadido a este programa e tamén integrado no Plan de Gastronomía de Galicia, deseñouse unha ferramenta para promocionar o enoturismo utilizando as tecnoloxías dos teléfonos intelixentes.

Esta aplicación é gratuíta e pódese buscar nas bibliotecas ou app stores dos móviles de última xeración (Iphone, Android ou Blackberry) tecleando as palabras ENOTURISMO GALICIA.