Visita ás obras da nova residencia e centro de día municipais en Carballedo

Cerdedo-Cotobade
04 de xaneiro 2025
Actualizado: 14:18

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou este sábado os traballos acompañado do alcalde, Jorge Cubela

Visita ás obras da residencia de Carballedo Xunta de Galicia

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, visitaron este sábado a parcela na que se está a construír a nova residencia e centro de día municipais, situada no lugar de A Chan, en Carballedo.

O obxectivo da visita foi comprobar o resultado dos traballos de soterramento da liña eléctrica, que foron financiados pola Xunta e que eran necesarios para seguir adiante coas obras do novo centro de maiores.

O goberno galego destinou 134.000 euros a esta actuación, para a que o pasado mes de setembro asinarase un convenio de colaboración entre as administracións autonómica e local.

O novo equipamento porá a disposición das familias 59 prazas residencias e outras 24 de atención diúrna.

Este centro completará a rede de recursos para persoas maiores que xa ten a Xunta e que están emprazados no núcleo de Cerdedo: un centro de día, un fogar residencial e a residencia inaugurada polo presidente Alfonso Rueda fai dous anos.