O tenente de alcalde, David Carrera, xunto a outros concelleiros da Lama e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López Diéguez, recibirán este martes 8 de marzo a unha delegación educativa francesa e romanesa.
Esta visita forma parte do proxecto de intercambio europeo Dis4P co centro educativo penitenciario para adultos (EPAPU) Nelson Mandela. Así mesmo, pertencen á delegación a Unidade Pedagóxica Rexional Auvernia-Ródano-Alpes en Francia; o Departamento de Educación do Centro Penitenciario de Gherla e a Organización non gobernamental CPIP en Romanía.
O recibimento terá lugar no Salón de Plenos, onde se ofrecerá un almorzo de traballo para expoñer o obxectivo do Dis4P de mellorar os problemas da educación nas prisións dos países europeos. Este proxecto conta a educación como un elemento fundamental no proceso de reinserción social das persoas internas, para o que empregan un método dividido no recoñecemento de tres ámbitos de cada estado: o medio penal, o funcionamento das escolas e as metodoloxías aplicadas na aula.
En Francia, o alumnado do EPAPU da Lama xa foi recibido en dúas ocasións polos deputados e a propia alcaldesa de St. Etienne. Durante a súa estancia, puideron presenciar os procedementos empregados no centro penitenciario francés.