Unha de cada tres mulleres atendidas no CIM de Vilagarcía son vítimas de violencia de xénero

O Salnés
23 de novembro 2024
Actualizado: 18:58

O Centro de Información á Muller (CIM) atendeu durante o ano 2024 a 349 mulleres, das cales 120 foron vítimas de violencia de xénero

'Zapatos vermellos' contra a violencia machista Concello de Sanxenxo

A violencia contra as mulleres segue sendo unha realidade preocupante en Vilagarcía.

Así o demostran os datos do Centro de Información á Muller (CIM), que durante o ano 2024 atendeu a 349 mulleres, das cales 120 estiveron relacionadas con situacións de violencia de xénero.

A porcentaxe destes casos mantívose estable nos últimos anos, oscilando entre o 31% e o 35%, o que indica que o problema non só persiste, senón que se mantén en niveis preocupantes.

Estas cifras, ademais, indican que seis de cada dez mulleres que se achegan ao CIM teñen fillos e que as que se atopan en situación de desemprego e inactividade son as que alcanzan a porcentaxe máis alta.

En relación á idade, os datos mostran que a violencia de xénero afecta a todos os tramos, aínda que se concentra na súa maior medida entre os 25 e os 59 anos.

Sorprende, con todo, que entre as maiores de 60 en diante rexistráronse até 18 casos de violencia. Foron atendidas ademais catro menores de 20 anos como vítimas de violencia.

Sobre a procedencia das mulleres, o 80% son españolas fronte ao 20% que son migrantes.

Segundo indican desde o CIM, o servizo de apoio psicolóxico é o máis demandado, seguido do asesoramento xurídico.

Por último, no servizo de información atenderon 1.218 consultas das cales algunhas foron derivadas ao resto de servizos e outras as xestionaron desde alí.

A concelleira de Igualdade, Tania García, considera que os datos serven para desmontar a idea negacionista deste problema e para seguir apostando polas políticas de igualdade entre homes e mulleres.

Finalmente, fai un chamamento á socidad para rexeitar calquera tipo de violencia machista.