Vinte e catro familias sen recursos do municipio de Poio están a recibir material escolar

Poio
20 de abril 2020

A concellería de Educación do Concello de Poio continúa co reparto de máis material escolar para 24 familias do municipio que non dispoñen dos recursos necesarios para que os seus cativos poidan manter ao día a súa actividade lectiva mentres permanecen pechados os centros educativos

Material escolar Concello de Poio

A concellería de Educación do Concello de Poio continúa co reparto de máis material escolar para 24 familias do municipio que non dispoñen dos recursos necesarios para que os seus cativos poidan manter ao día a súa actividade lectiva mentres permanecen pechados os centros educativos.

Deste xeito, o departamento dirixido pola edil nacionalista Raquel Rodríguez continuará coa entrega, a través de persoal municipal, deste material, tal e como se viña facendo nas últimas semanas e que correspondían a tarefas da avaliación anterior.

"Seguimos a traballar para garantir que todos os alumnos e alumnas de Poio teñan un acceso igualitario á educación", dixo a concelleira Raquel Rodríguez.

A actuación continuará desenvolvéndose despois de que a Xunta de Galicia confirmase que o curso 2019-2020 segue adiante.

Deste xeito, a concellería de Educación continúa en contacto permanente tanto coas direccións dos colexios e do IES de Poio, así como co departamento de Servizos Sociais para facilitar o material necesario a estas 24 familias que carecen de recursos.

O Concello actúa en función das solicitudes realizadas polos centros educativos.