Viño para regar a festa na cidade que dá de beber a quen pasa

Pontevedra
02 de setembro 2023

Ao mediodía deste sábado, fieis á tradición, chegaron a Pontevedra os arrieiros, mercadores e labradores transportando o viño do Ribeiro, unha recreación na que se implicaron os membros da Asociación Recreativa de Xeve, A Xanela do Maxín e Troula, con animación de Duos Pontes

Recreación do Transporte do Viño na Feira Franca 2023

Arrieiros, mercadores e labradores chegaron á cidade ao mediodía deste sábado transportando o viño do Ribeiro que regará a festa durante toda a xornada. É un dos momentos máis simbólicos da Feira Franca, pois recrea o momento no que chegaba á Pontevedra do medievo o viño que acababa de ser colleitado, e cada ano ten unha multitude de adeptos. 

A Asociación Recreativa de Xeve encárgase en cada Feira Franca de escenificar a chegada dos carros co viño do ribeiro e a súa entrada na cidade desde Ourense ata Santa Clara e de aí á praza da Ferrería. E, como cada ano, agardaban centos de persoas que querían ver pasar a comitiva e probar o primeiro viño da tempada, demostrando aquilo de "Pontevedra é Boa Vida, dá de beber a quen pasa".

O transporte do viño escenifica ese momento no que xentes por todas as partes corrían ata a cidade coincidindo coa apertura do mercado dun mes libre de impostos co que o rei Enrique IV premiou á Boa Vila a súa fidelidade, quince días antes e outros quince despois do 24 de agosto, festividade de San Bartolomé.

No ano 1467 este transporte do viño lembraba que Pontevedra era unha vila puxante e en 2023 demostrou que hai ganas de festa.

Para acompañalos, a Asociación Recreativa de Xeve contou coa participación de A Xanela do Maxín e Troula e con animación do grupo Duos Pontes. E, como é habitual, a comitiva estivo precedida polos dragóns que son xa elemento imprescindible da Feira Franca e da xa tradicional voda medieval que cada ano fai as delicias dos pontevedreses e visitantes. 

Consulta aquí todo o programa da Feira Franca 2023.

Arquivado en