Vilanova dará prioridade a veciños e turistas aloxados no municipio no acceso ás súas praias

O Salnés
19 de maio 2020

Gonzalo Durán convida a que todo o mundo "se hai espazo" poida gozar das praias do seu municipio pero pediu que se faga "con sentidiño", porque advirte que "se isto se converte nun desmadre restrinxiremos aínda máis o acceso ás praias"

Praia do Terrón, Vilanova de Arousa Turismo de Galicia

Os municipios das Rías Baixas continúan analizando as posibilidades que se abren para regular o acceso e o aforo ás súas praias durante os próximos meses. O último en pronunciarse, polo menos de momento, foi o Concello de Vilanova de Arousa.

Fíxoo nun sentido moi claro. Á hora de gozar dos seus areais, terán prioridade todos os veciños empadroados en Vilanova, aqueles que teñan segunda vivenda nela e os turistas que estean aloxados nos establecementos hostaleiros do municipio.

"O que sobre será de uso libre", avanzou o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, a través dun vídeo que foi difundido polas redes sociais do Concello.

Este control, engade o alcalde de Vilanova, é "necesario" para separar aos usuarios das praias e que se poidan manter as medidas de seguridade que recomendan as autoridades sanitarias.

Ademais, Durán convida a que todo o mundo "se hai espazo" poida gozar das praias do seu municipio pero pediu que se faga "con sentidiño", porque advirte que "se isto se converte nun desmadre restrinxiremos aínda máis o acceso ás praias".

"Non imos permitir que se salten as normas", engade o rexedor, que asegura que "todo o mundo é benvido a Vilanova", pero avisando que "non vou consentir" que se produzan situacións que "poñan en perigo" a saúde dos seus habitantes.